Noticias

A exposición Novos Valores 2021 abre as súas portas no Museo como testemuña da evolución da arte galega

A mostra estará aberta ata o 12 de setembro no Edificio Sarmiento con obras de Rebeca Lar, Adrián Solleiro, Diego del Río e Daniel Cerecedo


08 xullo 2021
Novos Valores 2021

A exposición ‘Novos Valores 2021. Obra seleccionada' está aberta dende hoxe no Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra coas 14 mellores pezas escollidas polo xurado profesional desta edición. A mostra, que estará aberta ata o 12 de setembro e inclúe as obras dos gañadores das bolsas Rebeca Lar, Adrián Solleiro, Diego del Río e Daniel Cerecedo, érguese como unha testemuña da evolución da arte galega e do apoio da institución provincial a novas e novos creadores. 

O director do Museo Xosé Manuel Rey parabenizou as e os seleccionados, especialmente aos merecedores das bolsas, e desexou que a participación na mostra e a bolsa de formación do Museo supoñan un importante impulso na súa formación e especialización.

Lembrou que igual ca eles, dende o ano 1864 o Museo leva asignando pensións a figuras como Sobrino, Souto, Maside, Colmeiro, Laxeiro ata outros máis recentes como Lamazares, Matamoro ou Antón Patiño, "e tantas e tantos artistas con que dende hoxe compartides o privilexio de formar parte desta mostra". Dende o Museo, dixo, "hai unha tradición de apoio secular á creatividade que desenvocou no actual certame de Novos Valores, que constitúe unha testemuña da evolución da arte galega ao longo dos anos".

O certame de Novos Valores, hai que lembrar, iniciou unha nova fase na pasada edición, na que se reduciu a idade para participar ata os 35 anos co fin de potenciar o compoñente de apoio á formación das e dos novos artistas. Neste ano, as pezas premiadas foron elixidas por unanimidade e segundo manifestou o xurado tras a selección, estas presentaron "cargas conceptuais e reflexións importantes, ademais de ser variadas na súa temática".

A e os artistas bolsados, pola súa parte, agradeceron ao Museo, á Deputación e ao xurado o recoñecemento ao seu traballo. Rebeca Lar destacou que "é importante que as institucións apoien a nosa creación, a creación moza, porque en moitas ocasións sen ese apoio non poderiamos seguir creando. Estou moi contenta. Teño moitísimas ganas de investir a bolsa en máis proxectos". Daniel Cerecedo manifestou o seu agradecemento tamén pola colaboración recibida para facer o proxecto e Diego del Río subliñou que ‘Novos Valores' supón unha grande oportunidade e recoñecemento "que abrirá moitas portas" ademais da bolsa "que me axudará a realizar a miña tese e continuar co traballo". Adrián Solleiro transmitiu o seu agradecemento a través da súa familia.

Artistas, obra, bolsa

Novos Valores 2021. Rebeca López Villar

A pintura ‘Sen título (sobre paseos e arrepentimentos) de Rebeca López Villar (Vigo)  reflexiona sobre a paisaxe e aborda tres cuestións: os conceptos de arrepentimento e paseo e a idea do proceso artístico. O marco teórico da peza queda plasmado coas definicións recollidas na instalación pictórica, e garda relación coas investigacións de memoria histórica que realiza a autora. "E é aí precisamente onde se mesturan os dous focos da pintura: xa que a memoria histórica é un terreo pantanoso, non exento de polémicas de diferentes dimensións (mesmo cando se abordan desde a práctica artística), quixen establecer un xogo conceptual coa figura do arrepentimento, ese proceso que aparece unha e outra vez na historia da arte como unha sorte de corrección das pinturas que é visible no resultado definitivo", explica.

En canto ao destino da bolsa de 7.500 euros concedida polo Museo, a intención da autora é continuar a formación artística vencellada coa xestión e a redacción cultural a través da realización dalgún mestrado, con opcións entre a ‘Valoración, xestión e protección do patrimonio cultural' (UVigo), o Xornalismo Multimedia (Valencia), ‘Xornalismo e Comunicación: Novas Tendencias en Produción, Xestión e Difusión do Coñecemento (USC), ou a Especialidade: Arte e Debuxo do Máster Universitario en Profesorado en Educación Secundaria Obrigatoria, Bacharelato, Formación Profesional e Ensino de Idiomas (UVigo).

Novos Valores 2021. DDiego del Río Comesaña

A escultura ‘Reflexión' de Adrián Solleiro González (Tui) é unha peza figurativa modelada cuxa imaxe que ‘xoga' cun espello. "Motivado pola ilusión óptica que xera ver o molde dun rostro (dependendo da luz, tes a sensación de estar a ver a faciana en positivo), decidín facer esta muller mirándose no espello, e este devolvéndolle a imaxe do seu rostro dado a volta. O espectador, pola cercanía da figura ao espello, só pode ver o rostro no reflexo e, axudado pola pintura, pode chegar a percibir esa sensación estraña de dubidar se está en positivo ou en negativo, como se tratase dun holograma", abonda o autor.

 

Os 7.500 euros da bolsa serviranlle a este creador para continuar co proxecto iniciado coa obra gañadora, e tamén para formarse grazas a cursos sobre anatomía aplicada á escultura, pintura con aerógrafo, procesos técnicos da escultura ou incluso sobre electrónica e robótica, cuestión que considera interesante para incorporar ás súas pezas.

 

 

Novos Valores 2021. Adrian Solleiro Gonzalez

Diego del Río Comesaña (Ferrol) conseguiu a bolsa de Novos Valores grazas á obra ‘Ras al Habout II', unha continuación da peza presentada na edición de 2019. Trátase dunha serie de 21 cadros de 50x25 de pintura ao óleo sobre soporte de aluminio. O autor busca con ela indagar na experiencia da viaxe do artista "como acto de resistencia ante o novo individualismo". "Nivel Ao  Hanout II supón outro intento de traducir a termos artísticos as experiencias persoais que tiven nas miñas viaxes, unha tarefa imposible pero obsesiva. A luz  cegadora que se reflicte nas paredes gastadas das construcións en ruínas pertence á imaxe que me formei das cidades e os pobos que visitei en Marrocos. Así mesmo, é o resultado dunha viaxe interior cuxo escenario é outro e sitúase na confrontación diaria coa  Collezione Bandullo, coa obra de Sexan  Scully, durante a miña estancia en  Varese. Aquí conflúen dous das viaxes máis importantes da miña vida ata o momento", apunta.

En canto á bolsa, destinaraa a realizar máis viaxes como experiencia artística, a unha estancia de investigación na Academia di Belle Arti di Brera (Milán) a finais deste ano, a unha residencia artística no Shangyuan Art Museum de Pekin durante tres meses aínda por determinar, e tamén a unha na Residencia Corazón de Bos Aires -este verán-.

Novos Valores 2021. Daniel Cerecedo Bretal

Finalmente, Daniel Cerecedo Bretal (A Pobra do Caramiñal) conseguiu tamén unha bolsa grazas á obra ‘Picasso y Richter (después de)'. A súa orixe está no relato da competición artística contada por Plinio o Vello na que se enfrontaban Zuxis de Heraclea e Parrasio de Éfeso co propósito de determinar cal era o mellor pintor do momento. O gañador do premio Novos Valores propón simular un concurso similar de maneira ficticia e actualizada, no que se propón o reto de realizar obras baseadas en Picaso e Richter sen empregar pintura (a través da tecnoloxía) e enfrontar aos dous artistas a unha imaxe xerada íntegramente coa computadora (un código QR)  con información virtual á que as persoas observadoras poderían chegar mediante a súa lectura cun móbil. Segundo explica, "a nosa atracción polo que está oculto e o noso afán por saber farán que ‘fagamos enter'", sen embargo esa acción non producirá ningún resultado mais que demostrar a victoria da obra ‘dixital' a través dun engano do intelecto.

O destino da súa bolsa será realizar un curso de pintura con Jaime  Valero e formalizar a matrícula no programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea (na Facultade de Belas Artes de Pontevedra), así como custear os gastos derivados destes estudos.