Noticias

A exposición 'Luis Davila. A retranca dun país' chega a Bueu

Permanecerá na Sala Amalia Domínguez Búa ata o 13 de agosto


30 xullo 2017
Luis Davila dibuxando

Esta tarde abriuse ao público, na sala de exposicións Amalia Domínguez Búa, a exposición 'Luis Davila. A retranca dun país'. Esta mostra leva o humor das viñetas do coñecido debuxante gráfico Luis Davila á súa vila natal. Na apertura da exposición participou o propio autor das viñetas, a comisaria da mostra, Fátima Cobo, e o deputado provincial de Cultura e Lingua e concelleiro en Bueu, Xosé Leal.

O deputado nacionalista amosou a súa satisfacción "por traer esta exposición aquí despois de que percorrera xa practicamente todas as comarcas da provincia durante o pasado ano, e que pon de manifesto de forma clara o gran talento deste artista de Bueu". Leal falou, durante a súa intervención, da "forma de ver e reflectir a nosa idiosincrasia como pobo que ten Davila", ao tempo que gabou "a súa capacidade para sacarnos un bo sorriso día a día, dun xeito respectuoso e ao mesmo tempo fondamente crítico".

Hai que lembrar que esta mostra, organizada pola Deputación de Pontevedra, xa percorrera no pasado exercicio varios concellos da provincia no marco do programa de actividades culturais organizadas con motivo do Ano Castelao. O obxectivo da exposición ligado á  figura histórica de Castelao, é o de poñer en valor o seu legado pero dun xeito actualizado e botando man do traballo dun debuxante amplamente coñecido e recoñecido como é Luis Davila.  Así, partindo de que nos anos 20 e 30 do século XX Castelao colaborou nos diarios vigueses Galicia e Faro de Vigo coa publicación dunha serie de viñetas tituladas de maneira xenérica "Cousas da vida", conéctase esta actividade coa dun debuxante coma Luis Davila que, na actualidade e tamén desde a prensa galega, trata as realidades galegas do día a día.

A exposición 'Luis Davila. A retranca dun país' propón un percorrido polas viñetas mais exitosas deste deseñador gráfico e humorista. Conta ademais cunha audioguía/signoguía á que se pode acceder a través de QR, e que foi elaborada en colaboración con XOGA para facilitar que as  persoas con dificultades auditivas poidan acceder a contidos culturais en igualdade de condicións que o resto da cidadanía.

Luis Davila, natural de Bueu, asina as súas creacións gráficas e de humor como 'O Bichero', nome baixo o cal publica diariamente unha viñeta en prensa. Co mesmo nome artístico ten publicados cinco libros e exerce tamén como blogger desde maio de 2007. Deseñador gráfico pola Escuela de Artes y Oficios Pablo Picasso de A Coruña, achéganos á realidade diaria do país desde o humor e o coñecemento profundo da maneira de ser, sentir e vivir dos galegos e galegas.

A exposición poderá visitarse na Sala Amalia Domínguez Búa ata o vindeiro 13 de agosto, de luns a domingo en horario de 11:00 a 15:00, e de 17:00 a 20:30h.