Noticias

A exposición "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato" foi visitada por máis de 7.800 persoas


11 xuño 2017
Imaxinar a educación.50 anos con Frato

A exposición "Imaxinar a educación.50 anos con Frato" que a Deputación de Pontevedra abriu o pasado 28 de abril no Pazo da Cultura sobre a filosofía do pedagogo italiano Francesco Tonucci foi visitada ata o día de hoxe por máis de 7.800 persoas, o que é considerado todo un éxito por parte da institución provincial.

Durante as últimas seis semanas pasaron pola exposición en visitas concertadas cos centros educativos máis de 4.000 escolares de 57 colexios da provincia chegados de 24 concellos diferentes, dez dos cales están adheridos á Rede de Cidades das Nenas e Nenos promovida polo propio Tonucci. A estes datos hai que sumar os grupos de escolares que se sumaron á ultima hora ou que visitaron a exposición sen ter concertado o percorrido previamente.

A mostra foi atractiva tamén para ao persoal docente e ao estudantado de Ciencias da Educación. Foron alomenos medio milleiro de profesoras e profesores os que percorreron os diferentes espazos de viñetas e creacións de Tonucci no Pazo da Cultura, así como varios grupos de estudantes de diferentes facultades vencelladas ao ensino.

O resto das persoas visitantes foron cidadás e cidadáns que de xeito particular (e tamén a través de colectivos ou asociacións) non quixeron perderse as viñetas de Frato e os obradoiros de xogo e autonomía dos 1.500 metros cadrados que tivo a exposición. As máis pequenas e pequenos gozaron dun grande espazo no que puideron interactuar en practicamente todas as áreas da expo: de xogo, de construcións, de bicicleta, de natureza e de autonomía.

A finais do mes de maio, a cifra de persoas visitantes xa acadaba o número de 4.000, polo que se aspiraba chegar a unhas 7.000 persoas, segundo tiña manifestado o vicepresidente Mosquera. Finalmente, e mellorando aínda a grande acollida que houbo nun primeiro momento, durante as últimas semanas as tardes foron aínda máis concorridas –as mañás estaban destinadas principalmente ás visitas concertadas–, polo que a cifra case acada os 8.000 participantes.

Por outra banda, foron 710 rapazas e rapaces de diferentes puntos da provincia os que participaron nos "roteiros Tonucci" realizados con Migallas Teatro.