Noticias

A exposición "Galiza, de Nós a Nós", homenaxe á xeración que revolucionou o devir de Galiza, pecha a súa itinerancia no Museo da man da Cidade da Cultura

A presidenta Carmela Silva e o vicepresidente Mosquera, xunto ao conselleiro de Cultura e ao alcalde de Pontevedra, destacaron a contribución de Pontevedra e do Museo á cultura e a identidade galegas hoxe na inauguración da mostra no Edificio Castelao


21 maio 2021
Galicia, de Nós a Nós

A exposición ‘Galiza. De Nós a nós', unha homenaxe á xeración que revolucionou o devir de Galiza poñendo en valor o seu legado na cultura e identidade galega, pechará a súa itinerancia no Museo de Pontevedra. Inaugurada esta tarde no Edificio Castelao, a mostra está organizada xunto á Deputación de Pontevedra pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense.

Galicia de Nós a nós foi exhibida o pasado inverno na Cidade da Cultura coincidindo co centenario da revista, para posteriormente itinerar a Ourense e, agora, a Pontevedra –completando así o mapa das cidades asociadas a Nós–. No acto de hoxe participaron a presidenta e vicepresidente da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva e César Mosquera Lorenzo; o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey García.

"O Museo de Pontevedra e a cidade do Lérez tiñan que ser un dos escenarios da mostra "Galicia, de Nós a nós" porque non se entende a ‘Xeración Nós' sen espazos desta cidade como o Café Méndez Núñez onde Castelao, Losada Diéguez, Vicente Risco ou Ramón Cabanillas, sementaron o seu xerme" asegurou a presidenta da Deputación Carmela Silva na súa intervención. Silva, quen cualificou á exposición "como unha viaxe desde a "Xeración Nós" ata a nosa", fixo fincapé nas máis de 300 pezas que se poden descubrir dende hoxe no Museo de Pontevedra, "o que a converten nunha das mostras máis completas deste nutrido grupo de mulleres e homes que contribuíron como nunca antes se fixera ao impulso e expansión da lingua, da identidade e da cultura galegas".

A presidenta aproveitou a ocasión para reivindicar o importante papel que desenvolveron as mulleres na ‘Xeración Nós', "sendo protagonistas daquela revolución cultural de principios do século XX da que segue a beber un século despois o noso pensamento e coñecemento". Deste xeito Silva recordou a Margot Sponer, a Annie MacSwiney e a Francisca Herrera, "mulleres moi potentes, que contribuíron co seu talento e activismo ao progreso daquela xeración e a situar á cultura galega na vangarda internacional".

Finalmente, a presidenta provincial manifestou que é unha obriga "seguir enxalzando e reivindicando os valores e principios que defendeu a Xeración Nós". Deste xeito Carmela Silva animou a continuar impulsando "ideais que tanto contribuíron ao progreso da sociedade galega e a avanzar na internacionalización e universalización da lingua e cultura galegas".

Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera tamén abondou na importancia de Pontevedra para a Xeración Nós e a relación da revista Nós coa cidade do Lérez, onde en xuño de 1920 reuníanse Vicente Risco, Castelao, Ramón Cabanillas e Antón Losada Diéguez coa idea de crear unha publicación que fixera un uso elevado da lingua galega para dialogar coa cultura europea.

Tamén destacou o nacionalista a satisfacción de que o Museo acolla o peche da exposición, subliñando a colaboración da institución museística pontevedresa, que achegóu á mostra arredor de medio cento de pezas singulares que a deixarían "orfa" no caso de non estar presentes.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, destacou que con esta exposición "a Xunta avanza no seu obxectivo de achegar a toda a cidadanía galega contidos producidos na Cidade da Cultura, impulsando un plan de itinerancias das súas exposicións e traballando para que o Gaiás opere como unha factoría de proxectos culturais que circulen por outros espazos da Comunidade".

O titular de cultura do Goberno galego amosou a súa satisfacción por esta colaboración coa Deputación de Pontevedra, "que se concreta en que unha das cidades clave no devir de Nós, como é Pontevedra, acolla esta ambiciosa e completa mostra, unha das tres grandes exposicións da Xunta no marco do Xacobeo 21-22 que xa foi visitada por 22.000 persoas en Santiago de Compostela e Ourense, ás que se suman outras 7.000 participantes no programa de visitas interactivas e didácticas a través de videoconferencia".

Tamén o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou que "non se me ocorre mellor lugar que o Museo de Pontevedra para amosar o legado artístico e cultural que a Xeración Nós lle deixou en herdanza a este país, unha herdanza que se basea na autoafirmacón da identidade galega e na confianza en nós mesmos como pobo".

Subliñou que "a actual Pontevedra vangardista e de referencia, a Pontevedra recoñecida e galardoada en foros internacionais, é sucesora desa filosofía de construír Galiza desde si mesma, para desenvolvernos no mundo e aspirar a un futuro mellor."

Seguindo na mesma idea que o resto das e dos representantes institucionais, o director do Museo Xosé Manuel Rei afirmou que "non resulta posible entender a Galicia de hoxe sen o legado deixado pola Xeración Nós". Neste sentido, dixo, como custodio de boa parte da súa obra, o Museo de Pontevedra "é un espazo imprescindible para entender, cen anos despois,  o lúcido relato construído polos seus diferentes colaboradores en torno á identidade do país, que se asenta sobre un profundo amor á terra, á súa cultura e ás súas xentes. Por esta razón, non podía haber mellor espazo que este Museo para pechar a itinerancia da exposición Galicia de Nós a nós".

Itinerario por tres salas

Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Traballo, a exposición reúne máis de 300 pezas de 64 institucións e prestadores privados. Naceu co alicerce de servir como elemento que aglutine e reforce unha personalidade galega actual propia, ilustrada, universalista e aberta ás correntes de pensamento mundiais, como foi a emanada da iniciativa editorial do grupo humano que marcou o devir de Galiza.

Nas tres salas do Museo nas que se distribúe, a mostra trasladará ás persoas visitantes desde o tempo dos considerados pais do galeguismo contemporáneo ata a actualidade, poñendo o foco na vixencia dos principios defendidos pola Xeración Nós, como a dimensión universal da cultura galega, a necesidade de ter unha voz propia no mundo e o carácter aberto e integrador de Galicia.

Abórdanse as ramificacións e a polisemia de ‘Nós' (grupo, xeración, revista, álbum…), xa que os amplos grupos interxeracionais que se moven arredor da revista son chaves no desenvolvemento das iniciativas anteriores, coetáneas e posteriores. Os nomes de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Castelao, Cuevillas, Arturo Noguerol, Losada Diéguez e Cabanillas serán guieiros da exposición dende o inicio ao fin da mostra.

Entre os puntos de interese recóllense o mapa que inspirou a Otero Pedrayo; o legado de Pondal nunha maleta; a primeira tese de doutoramento sobre lingua galega; a folga de fmae que conmoveu ao país; referencias de cando a BBC emitiu un programa en galego; ou as 134 portadas de Nós reunidas por vez primeira.

Ademais, reúne por primeira vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista: estutos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, suscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre protagonistas, que permiten rastrexar o devir da publicación.

A exposición pode visitarse no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra ata o 11 de xullo, con entrada de balde. As horas de visita son de 10,00 a 21,00 horas de martes a sábado, e de 11,00 a 14,00 horas os domingos e festivos, permanecendo pechada os luns.

Fotos