Noticias

A exposición da Deputación de Pontevedra "Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza" chega ao pazo de Liñares de Lalín

A mostra, que dará a coñecer a riqueza arqueolóxica da provincia, abrirá o próximo xoves coa presenza da presidenta Carmela Silva


22 febreiro 2020
Pazo de Liñares

A Deputación de Pontevedra leva ata o pazo de Liñares de Lalín a mostra "Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza", unha ambiciosa exposición para mostrar o rico patrimonio arqueolóxico da provincia, que abrirá o xoves 27 de febreiro ás 19.00 horas. A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Lalín, Xosé Crespo, asistirá á apertura, que contará cun percorrido guiado por unha arqueóloga especialista. A mostra, que permanecerá en Liñares ata a Semana Santa, tamén ten por obxectivos contribuír á conservación e á protección da paisaxe como parte do patrimonio cultural e fomentar a visita aos castros de Deza e a outras entidades museísticas do contorno.

Organizada por Turismo Rías Baixas en colaboración co Museo de Pontevedra, a mostra vai estar estruturada en cinco eixes, titulados "O patrimonio de Pontevedra", "Deza: terra de castros", "Artefactos: pegadas no tempo", "As pegadas na paisaxe de Pontevedra" e "O cálculo do tempo". A exposición centrarase nos castros de Montaz e Toiriz en Silleda, Castriño e Doade en Lalín e Pena Grande en Rodeiro, así como en outros once xacementos da provincia, coma os da Cabeciña, Penalba, Castrolandín, Alobre, Santa Trega, A Lanzada, Monte do Castro, Adro Vello, Monte do Facho, Salinas de Vigo ou Toralla. Tamén amosará moedas, fragmentos de cerámica, un machado, unha lasca, unha estela, unha conta de bronce, unha argola africana e a fíbula romana de Rodeiro, atopadas nos distintos xacementos de Deza e pertencentes a un período que abarca desde o 1.500 a. n. e. e o século VI. Xunto a estas pezas, a exposición presentará outras contemporáneas, relacionadas coa tradición do territorio, que dan mostra da evolución e a transformación de diferentes actividades ao longo da historia, coma o "besadoiro" do século XVIII do Centro Etnográfico Terra de Montes.

O contido expositivo estrutúrase en 100 metros cadrados que recollen os cinco ámbitos temáticos, información dos 16 xacementos e 36 obxectos arqueolóxicos, así como réplicas de elementos coma o machado votivo de Deza, que data da Idade de Ferro.

A mostra presentará pezas, paneis e dioramas que darán conta da transformación da paisaxe desde a Idade de Bronce Final, especialmente en Deza, onde hai 107 castros catalogados.

"Pegadas na paisaxe. O patrimonio de Deza" segue a liña de "Galaicos: un pobo entre dous mundos", exposición visitada por máis de 44.000 persoas en Madrid, Valencia e Pontevedra. A mostra estará acompañada por unha unidade didáctica para escolares de entre 9 e 12 anos que, mediante tres xogos distintos, vailles permitir descubrir os contidos da exposición de xeito lúdico e divertido.