Noticias

A exposición da Deputación "De Pontevedra a Río 2016" chega a Mondariz

A mostra, que rende homenaxe ao deporte olímpico e paralímpico da provincia, poderase visitar na praza de Abastos da localidade a partir deste martes


22 maio 2017
Logo olimpicos

A exposición fotográfica "De Pontevedra a Río 2016", organizada pola Deputación de Pontevedra, chega mañá martes a Mondariz. A deputada de Deportes, Chelo Besada, acompañada polo alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín, e o concelleiro de deportes, inaugurará a mostra ás 13 horas nun acto que terá lugar na praza de Abastos da vila. A iniciativa, que rende homenaxe ás e aos deportistas olímpicos, por unha banda, e ás e aos paralímpicos, pola outra, da provincia de Pontevedra que participaron nas últimas edicións dos Xogos Olímpicos e dos Xogos Paralímpicos, poderase visitar polas mañás, de 9 a 14 horas de luns a venres; e polas tardes de luns a domingo, de 18 a 22 horas, a excepción dos mércores que estará pechada.

"De Pontevedra a Río 2016", que comezou no Pazo provincial o pasado mes de outubro, xa recalou en diversas localidades da provincia como Tui, Cambados, Nigrán, Sanxenxo, Lalín, As Neves, Silleda, A Estrada, Marín, Ponteareas, O Rosal ou Cangas, e ao longo deste ano ten previsto estar á disposición do público en arredor de 14 concellos máis.

A mostra recolle o palmarés das e dos 16 deportistas da provincia de Pontevedra que participaron nos Xogos Olímpicos e Paralímpicos o pasado ano, nuns paneis individuais nos que se poden comprobar as súas traxectorias deportivas. Os 16 de "Río 2016" son Fernando Alarza Vicente, Juan Antonio Saavedra Reinaldo, Fernando Echávarri Erasun, María Bernabéu Avomo, Támara Echegoyen Domínguez, Sebastián Rodríguez Veloso, Rodrigo Germade Barreiro, Martín de la Puente Riobó, María Teresa Portela Rivas, César Neira Pérez, Óscar Carrera Amandi, Gustavo Nieves Campello, Frank Casañas Hernández, Agustín Alejos Alonso, Jean Marie Okutu Kouletio e Susana Rodríguez Gacio.