Noticias

A exposición "Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" amplía a súa estadía na Guarda ata o 7 de setembro

A mostra, promovida pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, mostra as distintas facetas do traballo feminino no ámbito marítimo


04 agosto 2018
Sustentabilidade feminina

A exposición "Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" prorroga a súa estancia no Museo do Mar da Guarda ata o 7 de setembro. Grazas a esta mostra promovida pola Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo, todas as persoas interesadas poden coñecer máis de cerca a participación e o papel da muller no mundo do mar en horario de 11.00 h a 14.00 h e de 18.00 h a 21.00 h os sábados, domingos e festivos.

"Sustentabilidade en feminino" chegou á vila do Baixo Miño en xuño despois do seu paso polo Campus de Ourense, de Vigo e o de Pontevedra. De feito, foi neste último no que xurdiu a idea, da man da directora do proxecto, María Álvarez Lires, de impulsar unha exposición para darlle visibilidade ao papel da muller e á súa contribución na economía do mar, poñendo en valor o traballo que as mulleres desenvolveron ao longo dos séculos en relación co mundo marítimo.

A mostra, que pode verse no Museo do Mar da Guarda está composta por vídeos, fotografías de redeiras, de mariscadoras, de vendedoras de peixe, de mulleres salgando ou conservando, científicas como a oceanógrafa Ángeles Alvariño ou a que fora directora do Instituto Español de Oceanografía, Aida Fernández. "Sustentabilidade en feminino: achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" recolle tamén imaxes, moitas delas inéditas, que serven para recuperar nas aulas o ocultado saber das mulleres do mar e promover a igualdade e a acción positiva entre as futuras persoas profesionais e científicas.