Noticias

A expedición da Deputación coñece o sistema de recollida e compostaxe do lixo orgánico en Milán para aplicalo nas grandes cidades da provincia

O experto italiano Michele Giavini asegura que "é a vontade dos concellos e das alcaldías" a que leva a tratamentos de lixo máis ecolóxicos e económicos


24 nov 2015
Expedición da Deputación a Milán
Expedición da Deputación a Milán

A expedición da Deputación de Pontevedra en Milán, liderada polo vicepresidente César Mosquera, coñeceu onte in situ o sistema de recollida e compostaxe do lixo orgánico da gran cidade italiana para tomalo como exemplo para aplicar nas grandes cidades da provincia no marco do Plan Compost da institución provincial. En concreto, as e os representantes provinciais estiveron na Città di Busto Arsizio, na que se leva a cabo unha recollida porta a porta dos restos de comida e vexetais da veciñanza dúas veces por semana.

O vicepresidente Mosquera agradeceulle ao alcalde da cidade, Gigi Farioli, así como aos concelleiros de Medio Ambiente e Obras Públicas, Alberto Armiraglio e Paola Reguzzoni, a súa disposición a mostrarlle ao grupo pontevedrés a súa experiencia co tratamento de lixo. "Viñemos aquí para aprender e estamos convencidos de que esta visita será frutífera. Temos que facer intercambio de coñecementos entre os concellos", sinalou o vicepresidente. Pola súa banda, o rexedor italiano agradeceu a visita e mostrouse moi interesado no modelo de cidade do Concello de Pontevedra. Ademais, recoñeceu o traballo que quere realizar a Deputación en materia de mobilidade na provincia, xa que era coñecedor de que Francesco Tonucci convidara a Mosquera e a Jesús Fole para dar un relatorio en Roma, no Consiglio Nazionale de Ricerche.

Exemplo de premio

A vila de Busto Arsizio conta con arredor de 80.000 habitantes e acada unha recollida selectiva do 65 % do lixo. Leva traballando na separación da fracción orgánica (FORM) desde finais dos anos noventa e é a referencia na que se fixaron outras localidades dentro de España para crear os seus modelos de tratamento do lixo. A recollida dos residuos realízase por fraccións: dúas veces por semana a parte orgánica, unha o papel, outra o vidro, outra os envases e outra a chamada "fracción resto".

A veciñanza dispón de cubos específicos e bolsas compostables nas que van acumulando os restos da comida. Estes deposítanse en contedores comunitarios que sacan desde os edificios á rúa en función do día que se recolla cada fracción. Un camión leva os residuos húmidos a unha pequena planta de transferencia para despois trasladalos a unha planta de tratamento comarcal na que se realiza a compostaxe. Tamén existen puntos limpos aos que a cidadanía pode acceder mediante unha tarxeta persoal.

A diferenza do que ocorre en Galicia, na que só se lle cobra á cidadanía unha media do 50 % do prezo real do servizo do lixo, en Italia é obrigatorio cobrarlle á veciñanza a totalidade do custo, por iso as administracións traballan arreo para optimizar os recursos mantendo a calidade da prestación e a súa rendibilidade. Nestes momentos en Busto Arsizio están a traballar na posibilidade de que cada persoa pague en función dos residuos que xera, aplicando métodos de control sobre o volume e o peso do lixo. Esta vila italiana acadou o terceiro posto de maior índice de reciclaxe xeral para cidades maiores de 80.000 habitantes do seu país.

A Deputación provincial pretende tomar como base os coñecementos de Italia adaptándoos á realidade pontevedresa mediante o Plan Compost. Nestes momentos está en marcha a instalación de composteiros comunitarios nos concellos da provincia. Este sistema evita que os residuos orgánicos teñan que ser trasladados a unha planta de tratamento, xa que a compostaxe dos restos de comida se realiza no mesmo lugar onde se xeran. Isto, ademais dun aforro no tratamento, permitiralles aos concellos pontevedreses aforrar na recollida e no transporte dese lixo, que non serán necesarios.

Segundo explicou o experto italiano en residuos Michele Giavini, encargado de realizar o "roteiro do lixo" da expedición pontevedresa, "a vontade política das alcaldías" é o motor de impulso para que os concellos poñan en marcha sistemas de xestión dos residuos máis económicos e ecolóxicos. Giavini realizou unha pequena conferencia para o grupo pontevedrés, que ademais realizou unha visita guiada polas instalacións da empresa pública de recollida de lixo de Busto Arsizio.

No grupo da Deputación de Pontevedra que visitou Milán estiveron presentes tamén os deputados Eva Vilaverde e David Regades, así como a técnica de residuos María Martínez Abraldes, e dous técnicos do Concello de Vigo.