Noticias

A Estrada recibe preto de 55.000 € da Deputación de Pontevedra no marco do Plan Concellos 2017

A institución provincial leva entregado o 79,85 % do total destinado á Estrada dentro do Plan, cun investimento de máis dun millón de euros


05 agosto 2017
Plan Concellos 2017

O goberno de Carmela Silva vén de aprobar, a través dunha resolución presidencial, unha nova achega ao concello da Estrada no marco do Plan Concellos 2017, dentro da súa liña 1 de investimentos. Nesta ocasión, a institución provincial achegará a cantidade de 63.525 € para a adquisición de 50 paneis informativos (9.075 €) e de colectores de residuos sólidos urbanos (54.450 €).

Ao abeiro do Plan Concellos 2017, a institución provincial xa destinara á Estrada outros 681.541,94 €, en liña 1 de investimentos, para á pavimentación de vías do concello e para a adquisición de soportes para colectores de residuos sólidos urbanos. Ademais, achegáranse 198.000 € en liña 2 para o pagamento de gastos correntes e a realización de diversas actividades como as escolas deportivas municipais, o "Outono no Principal", a Festa do Salmón, a Cabalgata de Reis, o campus deportivo de verán ou circuítos de carreiras, entre moitas outras actividades. Finalmente, están os 306.439,38 € cos que A Estrada puido contratar a 30 persoas que desenvolveron as súas profesións nos distintos servizos municipais da vila.

Coa suma desta nova achega, A Estrada xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 79,85 % do total do investimento que lle corresponde dentro do Plan Concellos 2017, isto é, 1.249.506,32 € dun total de máis de millón e medio de euros.