Noticias

A Estrada arranxará varias vías rurais grazas a dúas achegas de máis 300.000 euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra

As actuacións levaranse a cabo en seis camiños das parroquias de Aguións e Castro e en oito de Curantes, que verán incrementada a súa seguridade e comodidade


09 outubro 2021
Plan Concellos Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra deu luz verde na súa última sesión a dúas achegas de máis de 300.000 euros (327.500 €) para A Estrada ao abeiro do Plan Concellos, cos que o municipio poderá arranxar varias vías municipais do rural.

Esta é unha das últimas aprobacións que a institución provincial está a facer no marco do plan provincial no 2021, que tal e como comentou a presidenta provincial "está a punto de rematar con todas as inversións previstas para este ano". Con esta achega a Deputación revalídase como "a grande inversora que transforma o espazo público xa que seguimos a ser a administración que máis inviste nos concellos da provincia".

A subvención servirá para arranxar viarios nas parroquias de Aguións e Castro, onde grazas a unha achega de 200.000 euros actuarase en seis camiños, e na parroquia de Curantes, que contará con 127.500 euros para realizar obras noutras oito vías. Os pavimentos destes viarios teñen fochas e unha alta fisuración, o que afecta á impermeabilidade dos mesmos e permite a entrada de auga nas explanadas. Desta situación deriva un colapso estrutural importante que supón un problema de seguridade e comodidade na condución das persoas usuarias destes viarios.

Con este investimento provincial levarase a cabo a limpeza de cunetas, varrido superficial de firmes e a instalación de novas capas de rodadura para solucionar estas deficiencias.