Noticias

A estadía de María Vinyals en Cuba protagonizará unha conferencia no Museo de Pontevedra

Terá lugar o vindeiro martes, ás 20 horas, no Sexto Edificio e correrá a cargo do investigador e profesor cubano Ricardo Luis Hernández Otero


11 maio 2018
de María Vinyals en Cuba

O martes 15 de maio, ás 20 horas, no salón de actos do Sexto Edificio, o profesor cubano Ricardo Luis Hernández Otero dará unha conferencia co título ‘Con María de Lluria en Cuba: avances dun proxecto en curso'. O relatorio abordará a chegada de María Vinyals á Habana en 1920, onde xa asina como María de Lluria, e onde se vinculou ao activo movemento feminista cubano, participando en entidades de corte progresista coma o Grupo Clarté, e publicando en revistas e xornais nos que mantivo durante meses seccións fixas como "Femeninas" e "Movimiento social".

A figura de María Vinyals, tamén coñecida como a marquesa vermella, comezou a se estudar durante os anos noventa do século pasado. A esta muller polifacética que pasou dos salóns aristocráticos da corte madrileña a militar no Partido Socialista, que exerceu de empresaria xunto co seu segundo marido, o médico cubano Enrique Lluria fundando un sanatorio no castelo de Soutomaior e que foi escritora, xornalista e precursora do feminismo, dedicoulle o Museo de Pontevedra unha exposición a finais do pasado ano: ‘De María Vinyals a María Lluria. Escritora, feminista e activista social', título que tamén leva a primeira monografía que se lle dedica a esta figura da autoría de M.ª Ángela Comesaña e Aurora Marco.

O profesor universitario, investigador e crítico literario Ricardo Luis Hernández Otero (A Habana, 1946) é graduado na Universidade da Habana como profesor de Ensino Medio Superior en Español-Literatura (1971) e licenciado en Lingua e Literatura Hispánica (1975). Durante catro décadas desempeñou labores de investigador literario no Instituto de Literatura y Lingüística da Habana, e os seus campos de especialización comprenden aspectos como a prensa cubana e o vangardismo, entre outros. Desde 2013 coordina proxectos de investigación sobre José Martí e sobre a estancia en Cuba da escritora e loitadora feminista galega María Vinyals coa colaboración respectiva de profesores hispanos das universidades de Towson (Maryland) e Asheville (Carolina do Norte).


Novas relacionadas