Noticias

A Estación Fitopatolóxica Areeiro lanza un novo aviso sobre a bolboreta do buxo

O centro dependente da Deputación de Pontevedra recomenda revisar estas plantas e aplicarlles un tratamento se xa se detectan as eirugas da bolboreta


18 marzo 2020
Cydalima

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de emitir un novo aviso fitosanitario acerca da bolboreta do buxo e do mildio nas viñas. A responsable dos avisos fitosanitarios, Rosa Pérez Otero, destaca que as pragas e enfermidades das plantas continúan a súa evolución e que as condicións meteorolóxicas destes días, con altas temperaturas na provincia, están a favorecer a actividade dos vexetais e o avance das pragas.

No caso da bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis), Rosa Pérez indica que nalgunha das sebes da finca de Areeiro se observou que as eirugas estaban saíndo da hibernación, e xa empezan a aparecer síntomas evidentes da súa alimentación. Aínda que non é unha situación xeral e, de feito, algunhas sebes están vigorosas e con gromos perfectamente verdes, é conveniente que as persoas que teñan estes arbustos no seu xardín revisen moi atentamente as súas plantas e, se a situación é coincidente, retiren os gromos afectados e valoren se aplicar un tratamento. A revisión debe incluír tamén a zona inferior das plantas porque, nalgúns casos, as eirugas se centran nesa zona. Os posibles tratamentos deben facerse como é habitual: a elevada presión e con minuciosidade.

A EFA tamén verificou a maduración das primeiras oosporas de mildio en viñas da provincia, pero lembra que este fenómeno simplemente indica que o fungo está a iniciar a súa actividade, polo que de momento non hai que realizar tratamentos.