Noticias

A Estación Fitopatolóxica Areeiro aconsella renovar os tratamentos contra o mildio ante as condicións meteorolóxicas previstas

O centro dependente da Deputación advirte tamén sobre a necesidade de vixiar as viñas ante a posibilidade do desenvolvemento do black rot, para o que se pode aproveitar a intervención antimildio en caso de que se detecten síntomas


07 maio 2021
Mancha mildio moi incipiente

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, lanzou un novo aviso fitosanitario no que segue a referirse ao mildio e á necesidade de renovar os tratamentos contra esta enfermidade da viña ante as condicións meteorolóxicas que se esperan para os vindeiros días, a menos que xa se teña feito esta aplicación e constatado a súa eficacia.

O persoal da EFA destaca que aínda que as condicións climatolóxicas da pasada semana, con baixas temperaturas nocturnas e ventos do norte, contiveron o avance da fenoloxía das plantas e non foron as óptimas para o desenvolvemento do fungo, e nas visitas realizadas non se atoparon novos síntomas ou eran puntuais, trala situación de cambio climatolóxico producido desde este pasado xoves e o actual momento da campaña, na viña de Areeiro, por exemplo, xa se comprobou a aparición dalgunha nova mancha. Ademais, as previsións meteorolóxicas consultadas para os vindeiros días anuncian que as choivas serán unha constante e as temperaturas nocturnas estarán no contorno dos 13 º C, condicións polas que insiste na necesidade de renovar os tratamentos a menos que xa se teña feito e comprobado a súa eficacia.

Doutra banda, Areeiro advirte tamén que nalgunhas viñas se observaron plantas con brotes chupóns nacendo a diferentes alturas das cepas, mesmo preto do chan, e tamén a herba bastante alta, de xeito que poden ser unha importante fonte de inoculo do mildio e recomenda que os brotes sexan eliminados e a herba rozada.

O aviso da EFA refírese tamén ao black rot e sinala ao respecto que as condicións meteorolóxicas que en xeral favorecen ao fungo causante do mildio son tamén propicias para o responsable desta patoloxía, polo que recomenda que nas viñas en que se detecten síntomas da enfermidade, se empregue un funxicida antimildio que tamén teña efecto fronte a este outro fungo.

Tamén advirte Areeiro sobre a presenza de caracois en poboacións bastante importantes nalgunhas viñas. E sinala que os ventos do norte que se rexistraron na semana produciron a rotura de gromos nalgunhas viñas e por iso haberá que estar pendentes da posible aparición de síntomas de podre, dado o anuncio de precipitacións e temperaturas suaves que se prevén.

Areeiro se refire así mesmo neste novo aviso fitosanitario ao moteado da maceira, do que esta semana pode esperarse a aparición dos primeiros (ou novos, se xa os había) síntomas da enfermidade, polo que recomenda renovar (ou iniciar) as aplicacións para evitar problemas futuros na froita.

Respecto á bolboreta do buxo, o persoal da EFA sinala que estes días observouse nas plantas revisadas unha eiruga e dúas crisálidas máis, polo que en principio non haberá que tratar, aínda que recomenda vixiar as sebes e plantas nas que o ciclo está máis retrasado.

Por último, no caso da pataca, advirte que as condicións climatolóxicas previstas para os vindeiros días son favorables aos fungos responsables da enfermidade do mildio e a situación pode ser especialmente grave nas plantas baixas, ao estar máis próximas ao terreo. Por iso, aconsella que haberá que protexer as plantas antes de que veñan as choivas máis fortes previstas.