Noticias

A Estación Fitopatolóxica Areeiro aconsella revisar as viñas e renovar os tratamentos se aparecen síntomas novos de mildio

O centro dependente da Deputación aconsella tamén iniciar os tratamentos fronte ao oídio


14 maio 2021
Aviso fitosanitario 13/05/2021

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, lanzou un novo aviso fitosanitario no que recomenda revisar as viñas para loitar contra o mildio aínda que se poida supor que se atopen protexidas por unha intervención anterior. Ademais, o persoal técnico da Estación lembra que se deben renovar os tratamentos se se detecta a aparición de síntomas recentes. Desde a Estación lembran que a sega da vexetación e a eliminación dos brotes chupóns próximos ao solo son medidas culturais que axudan ao control deste e outros fungos.

Doutra banda, aconsellan iniciar os tratamentos fronte ao oídio, se estes non se teñen levado xa a cabo. Neste senso, recordan que non é recomendable mesturar funxicidas no mesmo tratamento e, de facerse, estes deben ser da mesma casa comercial. Ao igual que o mildio, o black rot tamén está a avanzar nas viñas, polo que recomenda que en caso de detectarse esta enfermidade se empreguen nos tratamentos fronte a mildio ou oídio funxicidas que tamén teñan eficacia fronte a este fungo.

Desde a EFA destacan tamén que a pesar de que as temperaturas desta semana non foron elevadas, o resto de condicións meteorolóxicas foron moi favorables ao desenvolvemento da vexetación, tanto en frondosidade coma en fenoloxía, polo que xa se empezan a observar acios en floración. Por último, o aviso fitosanitario tamén aconsella eliminar os pampos rotos polo vento para evitar que sobre eles se instale a botrite.

 


Novas relacionadas