Noticias

A Estación Fitopatolóxica Areeiro aconsella manter a vixilancia ante os patóxenos da viña dadas as condicións meteorolóxicas

O centro dependente da Deputación destaca situacións moi diversas ante a presenza do mildio larvado


23 xullo 2021
Mildio nas follas

A Estación Fitopatolóxica Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, acaba de lanzar un novo aviso fitosanitario no que aconsella manter a vixilancia ante o mildio. Na observación levada a cabo esta semana apreciouse a aparición de síntomas abundantes deste patóxeno nas follas e, segundo informacións recibidas, tamén se percibiron síntomas de mildio larvado dos acios dalgúns predios, que nalgún caso chegaba a máis dun 25 % dos acios. Ao mesmo tempo, desde Areeiro recomendan labores de vixilancia sobre todo nas viñas que non fixeron un bo control da vexetación ou que non empregaron adecuadamente os funxicidas, o que dificulta a ventilación dos acios.

O persoal da Estación Fitopatolóxica Areeiro informa que as condicións meteorolóxicas acontecidas desde a pasada fin de semana favorecen o desenvolvemento do oídio, aínda que o estado fenolóxico actual no que se atopan os acios son pouco sensibles a esta enfermidade. No caso do botrite, débese manter a vixilancia onde haxa danos ou feridas dada a alta presenza de azucre nas uvas a partir de agora. Nunha situación moi similar atópase o black rot polo que, a pesar de que non se observaron cambios na presenza desta enfermidade, a vixilancia debe continuar.

Por outra banda, as capturas de Lobesia botrana seguen a ser reducidas e recoméndase manter unha observación continua; ocorre o mesmo na captura de cicadelidos, que tamén se manteñen en niveis baixos. Así mesmo aconsellan cortar as plantas afectadas por patoloxías de madeira que non sexan recuperables. Por último, o persoal da EFA recomenda tamén a observación da presenza de Cydalina perspectalis dado que se prevé un predominio do tempo seco e xa hai presenza de eirugas nas sebes, e informa de que esta semana capturáronse os primeiros machos de procesionaria do piñeiro.