Noticias

A escola infantil da Deputación organiza o seu VII Concurso de Caretas

Os pequenos e as pequenas celebraron hoxe a súa primeira festa de Entroido, á que seguirán outras o martes e o venres próximos


05 feb 2016
Concurso de caretas na escola infantil da Deputación

A escola infantil da Deputación de Pontevedra organiza este ano, por sétima vez, un concurso de caretas no que participan todos os pequenos e as pequenas do centro e as súas familias. Haberá premios segundo os grupos de idade, que serán entregados o vindeiro xoves día 11. O xurado estará formado polos cinco directores dos centros de Príncipe Felipe.

No día de hoxe, ademais, o alumnado e profesorado comezou as celebracións do Entroido disfrazándose, en cada aula, dun personaxe diferente da serie Barrio Sésamo. Os disfraces confeccionáronse na propia escola infantil, aos que se engadiron algúns complementos enviados polas familias. Os pequenos, vestidos coma Epi, Blas, Triqui, Elmo, Galiña Turuleca e Óscar o Gruñón (ou monstro do lixo) pasárono estupendamente nunha festa na que, ademais de música, houbo filloas e orellas para merendar.

O martes próximo seguirá a festa, pero neste caso a temática da vestimenta será libre. O venres tocará a quenda para chorar o pasamento do Ravachol particular da escola, que, ano tras ano, visita os pequenos e as pequenas de dous e tres anos (que o curso seguinte xa marchan para os centros de Ensino Infantil de segundo ciclo) para levarlles os biberóns, chupetes e cueiros.