Noticias

A Escola de Igualdade María Vinyals leva á reflexión o falso mito da libre elección das mulleres

A xornada "Libres? Cosificación do corpo das mulleres" terá lugar o xoves 12 e contará con ponentes "tan potentes" como Anais Delgado, Rosa Cobo, Carmen Delgado, Yolanda Domínguez e Silvia Freire


05 novembro 2020
Presentación da Maleta Viaxeira

"Temos que desmontar os discursos da libre elección das mulleres" reivindicou a presidenta da Deputación Carmela Silva na presentación da xornada "Libres? Cosificación do corpo das mulleres", enmarcada na programación da Escola de Igualdade María Vinyals . A actividade, para a que xa está aberta a inscrición a través de www.depo.gal, terá lugar o 12 de novembro a través de Zoom, e reunirá a mulleres "tan potentes" como Anais Delgado, Rosa Cobo, Carmen Delgado e Yolanda Domínguez, coordinadas por  Silvia Freire.

Trátase dunha "xornada imprescindible" -indicou a presidenta- "Ningunha muller é prostituta por libre elección, fano as máis vulnerables vencelladas á trata; ningunha muller vende o seu corpo para os ventres de alugueiro, tamén o fan as máis vulnerables; ningunha muller toma decisións sobre o seu corpo de forma libre, é mentira, non hai ningunha elección libre, é unha imposición dun sistema político, económico, inxusto e intolerable. Estase a mercantilizar o noso corpo". Neste mesmo contexto, Silva tamén aproveitou a ocasión para reivindicar que "ao igual que pechan bares e restaurantes –con motivo das novas restricións aprobadas pola Xunta de Galicia para facer fronte á pandemia- se faga o mesmo cos prostíbulos. Indígname ver que seguen abertos. Hai que pechalos e que o fagan para sempre".

A xornada "Libres? Cosificación do corpo das mulleres" terá lugar o día 12 entre as 9.30 e as 14 horas vía zoom e por streaming a través de www.depo.gal.  O principal obxectivo, como explicou Carmela Silva, "é afondar na orixe da desigualdade estrutural entre mulleres e homes, nos factores que favorecen a naturalización e validación das diferentes violencias machistas, así como na falta de liberdade das mulleres, reflectindo datos que desmontan a falacia da libre elección das mulleres".

Despois da apertura, a xornada comezará coa conferencia "Violencia contra as mulleres: entre a negación e a banalización" de Carmen Delgado, psicóloga e profesora da Universidade Pública de Salamanca, que se centrará no carácter estrutural da violencia contra as mulleres e no negacionismo como factor de naturalización da desigualdade e motor dos discursos que banalizan esta violencia. Ás 10.45 a profesora de Socioloxía de Xénero da Universidade da Coruña Rosa Cobo falará de "Pornografía. O pracer do poder", facendo fincapé en que o porno crea realidade, para espertar conciencias e alertar sobre o seu consumo e a súa efectividade para construír un imaxinario de violencia misóxino. A continuación, ás 12.00 horas Yolanda Domínguez, recoñecida polos seus rechamantes traballos "Poses" ou "Rexistro", centrarase en "Cambiar as imaxes para cambiar o mundo", destacando a importancia das imaxes para a construción da identidade e do xénero e ofrecendo alternativas para subverter os discursos dominantes.

A última ponencia será a cargo da "recoñecida" xornalista Anais Bernal quen falará sobre a "Normalización da cosificación do corpo das mulleres nos medios de comunicación". A xornalista reflexionará sobre o papel dos medios na formación da opinión pública e na normalización de estereotipos, así como fará fincapé na repetición constante da cosificación e sexualización das mulleres, que está a xerar deshumanizacións e problemas de autoestima.

A maleta dos océanos

Carmela Silva tamén presentou unha segunda iniciativa de igualdade, "propostas que están a permitir que a Deputación sexa a referencia a nivel galego, nacional e internacional". Así, e no que respecta á "Maleta dos océanos", impulsada coa Universidade de Vigo e dirixida aos centros de ensino da provincia, a presidenta subliñou a súa importancia porque "para cambiar o mundo hai que traballar en todos os eidos, sendo un dos imprescindibles a educación". Silva explicou que o obxectivo principal deste proxecto, que inclúe seis propostas didácticas con temáticas adaptadas a todas as etapas educativas,  é "poñer en valor o papel destacado das mulleres do mar, rachando coa invisibilidade á que están sometidas e dando a coñecer o importante papel que desenvolveron e están a desenvolver". Neste eido, a presidenta reivindicou o papel maioritario das mulleres no mundo do mar e lamentou a súa escasa presenza na alta dirección do sector, onde ocupan o 20% dos postos.

Silva, que agradeceu o traballo de Mari Lires e o seu equipo da Universidade Alba Rego, María Lorenzo e Xabier Álvarez, presentes no encontro telemático, explicou que esta iniciativa é un paso máis dos proxectos "Achegas das mulleres á sustentabilidade do mar" e "O mar das mulleres", nos que traballaron conxuntamente a Deputación e a Universidade de Vigo. "De feito –destacou a presidenta- os materiais da "Maleta dos océanos" proveñen dese proxecto e dos recursos educativos abertos que presentamos o pasado ano e que estaban protagonizados por unha rapazada chamada Emma, que segue a ser o fío condutor desta nova iniciativa".

Pola súa banda, Mari Lires, a coordinadora do proxecto, fixo fincapé na estreita relación da "Maleta dos Océanos" cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable, ao ter relación coa educación de calidade, igualdade de xénero e a vida submarina. Tamén explicou as propostas didácticas, todas elas protagonizadas por Emma, e que levan por título "Planeta azul", "Océanos en perigo", "Mulleres redeiras, da salga e da conserva", "O marisqueo a pe", "Investigadoras mariñas" e "Educación para a sustentabilidade". Amais, Lires aproveitou a ocasión para lembrar que o día 10 de novembro terá lugar online a sexta xornada sobre o "Bo uso e mal uso do mar" que, este ano, leva por título "Unha mirada á Axenda 2030 desde unha perspectiva de xénero: o mar das mulleres nas túas mans".

Fotos