Noticias

A Escola de Igualdade María Vinyals acollerá o día 29 en Soutomaior a xornada "Muller e liderado"

A Presidenta amosou a súa satisfacción porque a Deputación de Pontevedra se está convertendo en todo un referente en políticas de igualdade


13 set 2016

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou esta mañá, acompañada pola Deputada de Igualdade, Isaura Abelairas, a xornada "Muller e liderado. Ferramentas e estratexias para mellorar o teu liderado!" que se desenvolverá o vindeiro 29 de setembro na Escola de Igualdade María Vinyals, localizada no Castelo de Soutomaior.

Silva explicou que a Deputación continúa así coa súa premisa de ter a igualdade como unha das súas políticas prioritarias de goberno. Primeiro, creando un servizo específico de igualdade que antes non existía, despois tendo a igualdade como un eixo transversal en todas as súas actuacións e creando unha Escola de Igualdade pioneira en Galicia, e por último, desenvolvendo iniciativas a prol da igualdade efectiva entre homes e mulleres. Todo isto está logrando, tal e como asegurou a Presidenta, que "a Deputación se estea convertendo nun referente da igualdade en toda España e por suposto en Galicia. Queremos que en Europa e en toda España se fale das políticas de igualdade da Deputación de Pontevedra".

As inscricións para a xornada, totalmente gratuíta, pódense facer xa a través da páxina web http://www.mullereliderado.com. No formulario haberá que seleccionar un dos seis obradoiros que, ao longo da mañá, se impartirán de xeito simultáneo (no caso de estar completo o aforo dalgún deles, fixado en 35 persoas, recibirase un aviso indicándoo para poder escoller outro). Nesta mesma páxina web tamén se pode consultar o programa completo da xornada e demais información relativa á mesma e ás mulleres poñentes.

Carmela Silva asegurou que "esta xornada ten un altísimo nivel, cun elenco impresionante de profesionais, e ten que servir para darlle visibilidade a un mundo diferente, onde as mulleres podemos ocupar o espazo que nos corresponde e así poder aportarmos á sociedade". A Presidenta provincial sinalou, ademais, que tamén hai que visibilizar "todas as mulleres que lideran moitos proxectos de enorme importancia pola súa capacidade económica pero tamén pola súa innovación, polo uso de novos instrumento ou por outros motivos. E tamén dotalas deses instrumentos que as poidan converter en líderes".

A xornada pretende crear un espazo de aprendizaxe e intercambio no que analizar o liderado feminino e dar resposta ás necesidades do mercado actual respecto ao autoliderado e ao liderado de equipos, a través de conferencias, exposicións e obradoiros cun fin divulgativo e formativo. Ademais, tenta contribuír ao empoderamento das mulleres e ao seu desenvolvemento persoal e profesional.

"Muller e liderado" está dirixida a todas aquelas persoas que queiran mellorar o seu liderado persoal e profesional,  así como descubrir ferramentas e estratexias que lles permitan desenvolver a súa capacidade para autoxestión de persoas e equipos ou axudar ao desenvolvemento doutras persoas: mulleres líderes, directivas, mulleres emprendedoras, organizacións públicas e privadas, profesionais de recursos humanos, orientadoras e orientadores laborais e profesionais ou persoas con interese en estratexias de liderado e xénero.


Novas relacionadas

María Vinyals

04 decembro 2017, escola de igualdade maría vinyals, xornada, jornada