Noticias

A EP-0509 en Barro estrea a mellora da seguridade unha vez rematada a actuación da Deputación

Os traballos, seguindo o Plan de Mobilidade segura e sostible da institución provincial, realizáronse durante dous meses ao longo de toda a estrada


11 agosto 2021
EP-0509 en Barro

A Deputación de Pontevedra segue a darlle valor ás estradas provinciais coa execución das obras de mellora da seguridade viaria na EP-0509, que vai entre o Ramal da Igrexa ata Portela, no concello de Barro. O deputado provincial de infraestruturas, Gregorio Agís, o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, e o concelleiro de obras, Iván Bello, non quixeron perder a oportunidade de comprobar por si mesmos o resultado dos traballos, que foron adxudicados por 16.600 euros.

As actuacións leváronse a cabo ao longo de toda a estrada, de 240 metros de lonxitude, posto que o estado presentaba unha deficiente situación da capa de rodaxe así como pola falta de sinalización. Deste xeito, tras dous meses de traballos, o investimento da Deputación serviu para realizar o rozamento das cunetas, a renovación da capa de rodaxe, o pintado das marcas dos viarios e o reforzo da sinalización vertical. Tamén se instalaron redutores físicos de velocidade. A actuación seguiu así o modelo de mobilidade amable, segura e sostible que está a aplicar a institución provincial na rede de estradas.

Oito millóns de euros para Barro

A Deputación leva investidos en Barro preto de oito millóns de euros desde 2015. Boa parte das achegas corresponden ao Plan Concellos e a investimentos en materia de infraestruturas, como é o caso da mellora da seguridade viaria na EP-0509. Nesta área tamén destacan aportacións provinciais para a redacción do proxecto de execución da estación depuradora EDAR no polígono de Barro (1.240.250 €), a mellora da seguridade viaria na EP-0506 Curro-Portela (453.600 €), a pavimentación e dotación de servizos na EP-0505 N-550 – igrexa de Perdecanai (327.565 €) ou a recuperación do espazo e mellora da mobiliade peonil na EP-0508 Curro-San Amaro, ao seu paso pola praza de San Amaro, (303.280 €). Ademais, o concello de Barro conta dende hai dous veráns cunha piscina pública en Outeiro financiada co Plan Reequilibrio (286.800 €).