Noticias

A empresa Prosol Enerxía S.L. adquire dúas parcelas no polígono industrial de Barro

No parque empresarial están instaladas na actualidade unha vintena de firmas e quedan á venda 24 das 76 parcelas existentes


09 outubro 2021
Xunta de Goberno parcelas

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de dar luz verde á adxudicación de dúas novas parcelas no polígono empresarial de Barro, que ocupará a empresa Prosol Enerxía S.L., unha firma comercializadora verde de electricidade para clientes con instalación solar fotovoltaica de autoconsumo. En concreto, a empresa ocupará dúas parcelas de 2.225 e 2.456 metros cadrados respectivamente, cun coste total de 560.872 euros.

A presidenta provincial, Carmela Silva, congratulouse de que o polígono siga a incrementar a súa ocupación e con iso "a xerar actividade económica e emprego", e destacou o feito de que se estean a asentar "empresas que aposten pola economía verde, que é unha das grandes transformacións que temos que facer no noso país". Na actualidade, o polígono de Barro ten unha ocupación dun 68,4% e das 76 parcelas existentes, quedan 24 á venda

O parque conta coa presenza dunha vintena de empresas, entre elas Frutas Moncho, Distribucións Froiz, Caenor, EDF Solar, Gasóleos Xeve, Gescogra, Mariscos Alumar, González Cerqueiro, Hijos de Rivera, José B. González Villaverde, Novas Rías, Rafael Díaz Buceta, Balvalen, Áridos de Curro, TC Group Atlántico, Transfrío Rías Baixas SL, Artesa Rías Baixas, Estación de Servizo Low Cost, Mafari Café ou Panaderías Acuña.