Noticias

A deputada Montse Magallanes supervisa no Rosal as obras do Plan Concellos da Deputación para a restauración de edificios municipais

Nos tres anos de Goberno de Carmela Silva, a institución provincial leva destinado ao Concello do Rosal máis de 3 millóns de euros


08 xuño 2018
A Deputada de Emprego Montse Magallanes en O Rosal

A deputada de Emprego, Montse Magallanes, visitou este mediodía, xunto á alcaldesa María del Carmen Alonso, as actuacións postas en marcha no Rosal coas achegas do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra para a restauración de cubertas en varios edificios municipais. O Goberno de Carmela Silva destinou a estas iniciativas 154.334 euros que serviron para a intervención nas cubertas de varios edificios destinados a escolas unitarias, así como á vivenda do centro médico rural de San Miguel.

Os traballos realizados consistiron en tarefas de demolición dos elementos deteriorados, con especial coidado en identificar e substituír os elementos estruturais ocultos que afectaban á funcionalidade e seguridade estrutural. Ademais tamén se recuperaron as cubertas, coa restauración dos taboleiros dos soportes, retellados e reparación ou substitución de chemineas, entre outras actuacións. As escolas unitarias sobre as que se actuou son en Fornelos, Tabagón, Novás, Couso, Marzán, Pías, San Miguel e Simón do Mazo.

A Deputación de Pontevedra destinou o ano pasado ao Rosal preto de 560.000 euros dentro do Plan Concellos. Neste ano, a institución provincial incrementou a contía nun 74,2 %, polo que ten posto a disposición deste municipio preto dun millón de euros.

Máis de 3 millóns de euros da Deputación en investimentos no Concello

No que vai de lexislatura, o Goberno provincial destinou ao Rosal case 3,1 millóns de euros entre todas as áreas de goberno. En concreto, desde o Servizo de Cooperación destináronse máis de 2,1 millóns de euros, entre as partidas destinadas para o Plan Concellos, así como outras achegas distintas para iluminación de espazos, doazón de material para espazos públicos, sinalizacións de rutas ou adquisición de desfibriladores, entre outras actuacións.

Ademais, a área de Cohesión Social e Xuventude achegou ao Rosal 166.701,64 euros para o cofinanciamento dos servizos sociais comunitarios municipais, as axudas básicas de emerxencia e a teleasistencia domiciliaria. Así mesmo, dentro deste eido houbo achegas para distintos programas, como Depotermal, Depo en marcha, En ruta coa Depo ou DepoRúarte.

En canto á área de Deportes, O Rosal leva recibidos 57.469 euros, que comprenden achegas para o deporte federado, para a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, para subvencións de actividades deportivas e para subvencións a categorías nacionais.

Na área de Igualdade, O Rosal beneficiouse de achegas da Deputación por valor de 2.500 euros para o fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero, así como para a formación das mulleres da vila no marco do programa "Conectadas". Neste eido tamén se impulsou o programa "Cinema e muller" e as mostras "Sorrisos transformadores" e "Mulleres en acción. Violencia zero". En materia de emprego, O Rosal contou con máis de 45.000 euros a través das distintas edicións do Plan de práctica laboral impulsado pola institución provincial.

O Rosal recibiu, nestes tres anos de Goberno provincial, máis de 85.026 euros do Servizo de Cultura. A través destas achegas, asociacións do municipio puideron  promover actividades culturais ou adquirir instrumentos e vestiario. Así mesmo, houbo axudas para as escolas de música, para actividades de dinamización do galego e para rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural, así como achegas polo Ano Castelao ou o Ano Patrimonio.

Desde Medio Ambiente destináronse ao Rosal preto de 16.000 euros para o mantemento do campo de fútbol de herba artificial da Mata, así como achegas para as cooperativas agrogandeiras. O Goberno de Carmela Silva achegou tamén máis de 4.500 euros ao Concello do Rosal en materia de novas tecnoloxías a través do programa SmartPeme e para actividades de administración electrónica.

Case 590.000 euros chegaron nestes anos ao Concello do Rosal a través da área de Mobilidade. As partidas destináronse para obras en viarios, asistencias técnicas para proxectos, rozas e limpezas de estradas, pintados de viarios, sinalización e actuacións do Plan Móvese.


Novas relacionadas

sorrisos

09 xaneiro 2018, cohesión social, o rosal, sorrisos transformadores, deputación de pontevedra