Noticias

A deputada Digna Rivas confirma que o Goberno provincial aprobará o venres unha nova achega de 69.000 euros para Pazos de Borbén

A Xunta de Goberno aprobará este investimento do Plan Concellos co que a Deputación financiará a reparación do camiño municipal de Eido da Col en Xunqueiras


20 setembro 2018
Plan Concellos 2018-2019

A deputada provincial Digna Rivas informou hoxe que o Goberno da Deputación de Pontevedra aprobará este próximo venres, en Xunta de Goberno, o financiamento ao Concello de Pazos de Borbén para os traballos de reasfaltado do camiño municipal de Eido da Col, na parroquia de Xunqueiras, enmarcados nas actuacións para a reparación dos danos causados polos últimos temporais en camiños municipais mediante o seu reasfaltado. A achega provincial ten un importe total de 69.916,34 euros e forma parte dos fondos da liña 1 de Investimentos do Plan Concellos.

O camiño de Eido da Col é un camiño rural de 1.052 metros de lonxitude aproximada, cun ancho medio duns 3,50 metros que chega ata os 14 metros en zonas puntuais, que vaise pavimentar con aglomerado en quente tipo D-12 nunha superficie total de 4.877 metros cadrados. Os traballos que se van realizar consisten en limpeza e apertura de cunetas, regos superficiais e de imprimación, capa de rodaxe de MBC tipo D-12, escavación en rocha e reposición de servizos.

Este investimento súmase a outros aprobados este ano para Pazos de Borbén, a través do Plan Concellos, para mellorar o firme de calzadas municipais. En concreto, téñense aprobado outras dúas partidas para a reparación do camiño municipal de Alvite en Areeiro-Nespereira e do camiño do Río-Outeiro-Nespereira, cun importe global de 70.638 euros.

Co vixente Plan Concellos da Deputación de Pontevedra, Pazos de Borbén ten este ano a súa disposición un total de 685.564,73 euros, un 73,6 % máis que en 2017.