Noticias

A deputada Digna Rivas clausura no Grove o obradoiro de xabóns do programa "Tecendo lazos"

Máis de 25 persoas, entre avoas e avós e nenas e nenos, se xuntaron na Antiga Escola Monte da Vila do Grove para participar no programa interxeracional da Deputación de Pontevedra


08 xaneiro 2018
O Grove

A deputada de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra, Digna Rivas, clausurou esta mañá o obradoiro de Elaboración de Xabóns con Receitas da Avoa enmarcado no programa "Tecendo lazos". Esta actividade, na que se deron cita 25 persoas, entre cativas e cativos e avoas e avós, tiña por obxectivo fomentar o envellecemento activo das persoas maiores e impulsar as habilidades sociais e a empatía das máis novas a través dunha serie de obradoiros interxeracionais de lecer e tempo libre, neste caso, para aprender a realizar xabóns artesanais.

Digna Rivas destacou a necesidade de poñer en marcha esta actividade para "aprender uns doutros xa que nestes momentos os avós e avoas teñen máis obrigacións que devocións, con pouco tempo de lecer para estar cos rapaces e rapazas, aprender xuntos e intercambiar experiencias". Ao respecto, a deputada provincial destacou que "Tecendo lazos" responde a esta necesidade, a de aprender xuntos, neste caso a facer xabóns nun lugar con tanta tradición como O Grove, pero tamén intercambiar experiencias, coñecer as historias e tradicións da vila que, en moitas ocasións, as máis mozas e mozos descoñecen", destacou Rivas.

"Tecendo lazos" trátase dunha iniciativa do Servizo de Cohesión Social e Xuventude á que a institución provincial destinou no 2017 60.000 euros. Os principais obxectivos do programa son o fomento do envellecemento activo das persoas maiores e o impulso das habilidades sociais e a empatía das máis novas a través de obradoiros de lecer e tempo libre. Estas actividades, que rematan esta semana, destináronse a persoas de distintas xeracións dunha mesma familia, para a adquisición de lazos afectivos entre elas, dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia de Pontevedra. Ademais, impulsáronse estratexias e oportunidades para crear espazos para o encontro, a sensibilización, a promoción do apoio social e o intercambio de recursos, ideas e valores que produzan lazos afectivos para poder construír sociedades máis xustas, integradas e solidarias.

En xeral, "Tecendo lazos" ofertou nos últimos catro meses do 2017 cinco temáticas de obradoiros diferentes: Risos en Familia, O Noso Son, Xogos e Xoguetes Tradicionais. Xogando en Familia, Faino Ti Mesmo e Rastrexos. Como novidade principal os obradoiros levaban incorporado un módulo titulado "A historia do meu concello" no que se fixo partícipe ás persoas na recompilación de relatos e historias dos concellos da provincia nos que se desenvolveron as actividades.

A deputada de Cohesión Social e Xuventude da Deputación de Pontevedra, Digna Rivas, destacou que "a primeira edición de "Tecendo lazos", no Nadal do 2016, xa foi todo un éxito e a que estamos a clausurar esta semana, coa ampliación do programa para a súa realización entre setembro e decembro, arroxa tamén datos moi positivos polo que seguramente no 2018 optaremos por organizalo dun xeito semellante".