Noticias

A deputada Digna Rivas anuncia que "o Goberno da Deputación virá a Redondela tantas veces como faga falta para dar contas do noso traballo á veciñanza"

"¿Deputación de titulares?, claro que damos titulares porque traballamos, xestionamos e temos resultados. Deixen de traballar para o PP e comecen a facelo para a xente de Redondela"


27 setembro 2018
Digna Rivas

A deputada provincial Digna Rivas, sinalou hoxe que "o Goberno da Deputación de Pontevedra virá á Redondela cantas veces faga falta para dar conta do noso traballo ás veciñas e aos veciños da vila, que son a quen nos debemos. Só faltaba que tivesemos que ter o placet do alcalde para poder vir a falar coa xente ao través dos medios de comunicación". Rivas saíu así ao paso das declaracións "cando menos incomprensibles do Goberno de Javier Bas porque ninguén pode entender que lle moleste que a presidenta da Deputación se achegue á cidadanía para, con toda transparencia e ata o último céntimo, explicarlle á xente en que se invisten os seus cartos. Debe ser, dixo a deputada, que o alcalde no está acostumado a iso, e por si non o sabe infórmolle que se chama dación de cuentas". "Ademais, engadiu Digna Rivas, temos que vir a contalo porque o alcalde que tanto énchese a boca para falar de lealdade institucional, curiosamente sempre se esquece de dicir que a financiación de moitas iniciativas e obras que presenta é da Deputación. E como el ocúltao, teremos que vir cantas veces faga falta. A xente ten dereito a que lla informen con veracidade e como o Goberno de Bas non o fai, pois facémolo nós".

A deputada provincial volveu a insistir "nunhas cifras obxectivas que non ten quen as rebata, seis millóns de euros deste Goberno da Deputación en tres anos e explicadiñas ata o último céntimo". De feito, Rivas retou ao alcalde de Redondela a que "saque dunha vez os seus números e demostre que non son certas. Non o fai porque sabe que non pode. O que ten que facer Bas é dicirlle á veciñanza de Redondela se lle parecen ben os 700.000 euros que o propio Vicepresidente, Alfonso Rueda, tivo os redaños de recoñecer que é era o investimento dos últimos anos da Xunta de Galicia nesta vila".

A deputada tamén ironizou sobre a "suposta lei que esgrime o alcalde para repetir ata a saciedade que a Deputación lle dá a Redondela o que lle corresponde por lei. "¿Que lei?, preguntou Rivas, ou non ten nin idea do que fala ou ten mala fe. Ademais, si isto fose así, segundo esa teoría tan particular de Bas, entón Louzán que daba moitos menos cartos que agora a Redondela non estaría incumprindo esa lei?. E a Xunta con 700.000 euros a Redondela en anos tampouco a incumpriría?"

A deputada provincial volveu a pedir ao Goberno local de Redondela que deixe dunha vez a confrontación "que é a súa técnica habitual coas institucións que non gobernan, e que só debaten co ruído porque lles molesta a transparencia e o traballo. Din no PP que somos unha Deputación de photocall e titulares?. Pois claro, lles molesta que nos dean titulares e non se dan conta de que os temos porque xestionamos, traballamos e temos proxectos e resultados", sinalou. Rivas, que recomendou ao alcalde "que veña dunha vez ao século XXI, que deixe de traballar para o PP e que comece a facelo para a xente de Redondela", tamén respondeu "a teima da eficacia no Plan Concellos. "É falso e sábeno. Temos seis meses para aprobar os máis de 400 proxectos da provincia e estamos no 90 % a máis dun mes para que rematen os seis meses que temos para facelo", dixo a deputada. "Ten tela que fale disto o mesmo alcalde non chega ao 75 % de xustificación das obras que pediu do Plan de 2016, fai 2 anos, e que está por debaixo do 38 % nos proxectos que solicitou en 2017. E non é un problema de cor política, dixo Rivas, que mire aos alcaldes de Soutomaior o Pazos, que con moitos menos  recursos están ao día e teñen xustificado o 100 % dos seus proxectos. Que Bas lles chame, que son do seu partido, e lles pregunte como o fan". "É simpático, rematou a deputada, que o Goberno municipal para defenderse diga que están en prazo, e que ese mesmo argumento non valga para a Deputación que so ten seis meses para avaliar tecnicamente máis de 400 proxectos. Moi coherente", rematou.

Seis millóns de euros en 3 anos

O Goberno provincial de Carmela Silva investiu nestes tres primeiros anos de lexislatura preto de 6 millóns de euros no Concello de Redondela, o maior investimento da historia da Deputación, e o maior que fixera nunca ningunha outra administración.

En concreto, o servizo que aportou maior investimento foi o de Cooperación, que destinou para Redondela 4.351.608 euros, entre os distintos Plan Concellos anuais e outras achegas distintas como o plan de conservación ou a reparación de espazos públicos. Cómpre salientar que o vixente Plan Concellos achega a Redondela algo máis de 2 millóns de euros, o que supón un 72,85 % máis que no 2017.

A área de Cohesión Social e Xuventude destinou a Redondela un total de 66.987,58 euros para axudas a entidades, así como para diferentes programas, como Depotermal, En ruta coa Depo, Depo Aventura A Lanzada e Depo en marcha. Na área de Mobilidade, Redondela recibiu nestes tres anos de Goberno provincial, 654.611,62 euros. As partidas destináronse para obras en viarios, asistencias técnicas para proxectos de obras, rozas e limpezas de estradas, sinalización, pintado de estradas e actuacións do Plan Móvese.

En canto á área de Deportes, Redondela leva recibido 331.114,05 euros, que comprenden achegas para o deporte federado, para as Depoescolas, para axudas de material deportivo, para a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, para subvencións de actividades deportivas, para axudas individuais extraordinarias, para os campamentos polideportivos Príncipe Felipe e para subvencións a categoría nacional e a náuticos. En Igualdade, Redondela beneficiouse de partidas da Deputación por valor de 26.172 euros para o fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia de xénero, así como para a formación das mulleres da vila no marco do programa "Conectadas" e neste eido tamén se impulsaron as mostras "Mulleres en acción. Violencia zero" e "Sorrisos Transformadores", así como o proxecto "Cinema e Muller".

En materia de Emprego, Redondela contou con 271.552,40 euros a través das distintas edicións do Plan de Práctica Laboral en Concellos e Empresas impulsado pola institución provincial, ademais de 722.492,55 euros para financiar a contratación de 76 traballador@s que desempeñan as súas funcións no Concello. Da área de Cultura, Redondela recibiu, nestes tres anos de Goberno provincial, un total de 144.896,60 euros. Trátase de achegas para que asociacións do municipio realicen actividades culturais, adquiran instrumentos e vestiario ou acometan infraestruturas. Así mesmo, houbo axudas para as escolas de música municipais, actividades de dinamización do galego e rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural. Tamén houbo achegas polo Ano Castelao e polo Ano Patrimonio, así como para actuacións do Pontegal e subvencións para a realización de festivais musicais e de artes escénicas. Desde Medio Ambiente destináronse 20.914,52 euros para o mantemento do campo de fútbol de herba artificial de Chapela e para axudas a confrarías de pescadoras e pescadores. Ademais da instalación de composteiros comunitarios do Plan Revitaliza. O Goberno de Carmela Silva achegou tamén 14.300,66 euros ao Concello de Redondela, en materia de Novas Tecnoloxías, para Administración Electrónica e para atención a empresas de Redondela na rede de oficinas de SmartPeme.