Noticias

A deputada de Deportes dalle a benvida á ultima quenda dos campamentos deportivos de Príncipe Felipe


22 ago 2016

A deputada de Deportes, Chelo Besada, recibiu hoxe nas instalacións  de Príncipe Felipe aos rapaces e rapazas que compoñen a última quenda dos campamentos polideportivos que durante todo o verán celebráronse nas  instalacións do centro.

Besada recordou que ate o próximo sábado os cincuenta rapaces e rapazas poderán participar en todas as actividades deportivas de Príncipe Felipe sempre baixo a atenta mirada dos monitores que os acompañan. Precisamente nese extremo incidiu a deputada e o director do campamento ante os pais e nais para tranquilizalos sobre a participación dos seus fillos e fillas neste campamento.

Estes cincuenta nenos e nenas desenvolven  actividades relacionadas coa natureza, deporte, aire libre, xogos, xogos de sala, arte, parque multiaventura,  deportes en equipo, actividades acuáticas, obradoiros… Todas elas co obxectivo de ensinar ás mozas e mozos a desenvolverse nun medio non habitual, potenciando a súa maduración, desenvolvendo a sociabilidade e o dinamismo multicultural, inculcando hábitos hixiénicos, alimenticios e de exercicio físico e fomentando tamén o respecto polo medio ambiente e a conservación da natureza.

As 300 nenas e nenos se aloxan en réxime de pensión completa e estarán atendidas e atendidos por un equipo técnico formado por persoal especializado. Ademais, a institución provincial aportará todo o material necesario para o desenvolvemento das actividades.

Como actividades máis dinámicas destaca a única saída que os nenos e nenas realizan ao exterior é ao ecoparque de Marín, onde poden desfrutar de xogos como a tirolina.  Este ano ademais dos deportes habituais, como minibasket ou balonmán, incluíuse o "lacrosse", que está a ter  unha gran aceptación entre os rapaces e rapazas.