Noticias

A deputada de Cohesión Social reivindica en Catoira a importancia do apoio ás vítimas das violencias machistas

Xunto a adolescentes do municipio, a ilustradora Lara Torres pintou o mural No apoio está a liberdade, que simboliza a necesidade de arroupar sempre ás vítimas


21 xuño 2018
Catoira Mulleres en acción.Violencia Zero

A Deputada de Cohesión Social, Digna Rivas, xunto ao alcalde de Catoira, Alberto García, asistiron este mediodía, no pavillón polideportivo municipal, á unha nova intervención artística do programa "Mulleres en acción. Violencia zero", iniciativa da Deputación de Pontevedra para darlle visibilidade á loita contra a violencia machista.

A ilustradora Lara Torres foi a encargada desta nova intervención artística, titulada No apoio está a liberdade, que consistiu en pintar un gran mural nunha das paredes do pavillón polideportivo. Con esta obra, a artista quixo destacar a importancia do apoio que precisan recibir as vítimas das violencias machistas a través dun totem que recolle no regazo a todos e todas os que precisan de apoio, amor e comprensión.

A artista Lara Torres é técnica superior en Ilustración pola EASD Pablo Picasso da Coruña e graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo. Adoita traballar con técnicas tradicionais, pero sempre deixa lugar tamén para as técnicas dixitais. Partindo dunha formación pictórica realista, sempre se interesou polo mundo da ilustración e continúa explorando hoxe en día ambas facetas, tal e como hoxe demostrou en Catoira.

No acto de hoxe en Catoira participaron tamén máis dun centenar de nenas e nenos adolescentes do municipio, aos que a deputada de Cohesión pediu a súa implicación activa na loita contra a violencia machista, "ogallá do día de hoxe non só vos quededes coa obra artística que facemos, senón que o importante é que vos impliquedes nesta loita. Vós sodes os e as protagonistas. No futuro vós tedes que ser a violencia cero, que non haxa máis violencia machista está nas vosas mans".

Precisamente, Digna Rivas fixo unha repaso dos "datos arrepiantes que as violencias machistas deixan no noso país. Hoxe máis que nunca debemos nomear ás vítimas, recordalas e que todo o mundo saiba como foron asasinadas. Son cifras inasumibles e impropias dunha sociedade civilizada". Explicou que actos como o de hoxe teñen que servir para que as vítimas nunca se sintan soas e para que a poboación máis nova tome consciencia do que está pasando no noso país "para que todas e todos vós sexades os protagonistas para erradicar esta lacra".

Ante as rapazas e rapaces adolescentes, Rivas lembrou ademais que hoxe en día é moi importante esta toma de consciencia sobre este problema na adolescencia, xa que agora os datos comezan a ser moi preocupantes xa nesta etapa. "Tres de cada dez mozas admiten que sufriron algunha vez o excesivo control dos seus noivos, e ademais, as adolescentes están sometidas a unha nova forma de maltrato a través das redes sociais, con insultos, ameazas e chantaxes. Máis de 300 adolescentes foron detidos e investigados en 2017 por este tipo de delitos, tres veces máis que hai unha década. Algo está sucedendo, algo está pasando e é importante que todos e todas vós vaiades cambiar estas cifras e estes datos".

"Mulleres en acción. Violencia zero" reúne o traballo de 25 artistas especializadas en ámbitos como a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía ou o graffiti, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro do ano pasado e terá lugar este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).