Noticias

A Deputación xa conta no edificio administrativo co primeiro aseo adaptado ás necesidades das persoas ostomizadas

A institución redobra o seu compromiso co inicio dos traballos para a instalación doutros dous servizos adaptados na sede provincial en Vigo e no Museo Provincial


30 outubro 2020
Aseo para persoas osteomizadas

A Deputación de Pontevedra dá un paso máis no seu total compromiso coas persoas ostomizadas coa posta en marcha do primeiro aseo adaptado, radicado no Edificio Administrativo, e confirma o inicio dos traballos para a instalación doutros servizos accesibles na sede provincial en Vigo e no Sexto Edificio do Museo. O proxecto, que xa é unha realidade, enmárcase na estreita relación de colaboración e traballo establecida coa Asociación Socio Sanitaria Educativa de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (ASSEI) e na importancia de visibilizar ás persoas con estoma e traballar por elas.

Este primeiro baño adaptado, que hoxe visitaron as deputadas provinciais Iria Lamas e Olga García xunto á presidenta de ASSEII Ángela Paz e ao seu vicepresidente Víctor Loira, é un servizo imprescindible para as persoas ostomizadas, que en Galicia son xa 5.000, 2.000 delas na provincia de Pontevedra. O espazo, situado no andar baixo do Edificio Administrativo, está perfectamente equipado, conta cun aparato sanitario adaptado, lavabo adaptado e todos os demais útiles e mobiliario necesarios. O proxecto iniciouse no mes de xaneiro, pero por mor da pandemia e a paralización administrativa durante o confinamento tivo que retrasarse.

ASSEI é unha asociación pioneira na reivindicación dos servizos para persoas ostomizadas e responsable da primeira construción destes equipamentos no hospital Montecelo. A asociación fixo un proxecto propio de baño adaptado que trouxo de Xapón, baseado no modelo da marca Totto. A día de hoxe, en toda Galicia hai 29 baños para persoas ostomizadas en sedes públicas, polo tanto o da Deputación no Edificio Administrativo é o número 30.