Noticias

A Deputación volve a contar coa presenza da moteira Alicia Sornosa para percorrer As Rías Baixas

A xornalista e blogueira, primeira muller de fala hispana en dar a volta ao mundo en moto, contará a súa experiencia visitando a provincia sobre dúas rodas


28 maio 2018
Rutas en moto polas Rías Baixas

Hoxe arranca en Vigo a ruta polas Rías Baixas, promovida pola Deputación de Pontevedra, un percorrido circular en moto que contará con paradas nos lugares máis emblemáticos do patrimonio cultural e dará a coñecer os atractivos da provincia.

Neste evento, que conta coa colaboración da institución provincial, participará a xornalista e blogueira Alicia Sornosa, a primeira muller de fala hispana en dar a volta ao mundo en moto relatándoo a través da súa web e redes sociais, que reforzará a acción cun blogtrip no que se fará eco das súas experiencias nas Rías Baixas.

Na primeira ruta, que ten lugar hoxe, visitarán lugares turísticos coma o Castro de Santa Trega, no concello da Guarda. Por outra banda, mañá martes percorrerán o interior da provincia a través dos viñedos do Condado, o castelo de Soutomaior e o Pazo de Oca na Estrada. Xa para rematar, o mércores visitarán unha bodega, a fortaleza da Lanzada, a cidade de Pontevedra e, posteriormente, trasladaranse ao Morrazo, onde farán unha parada en Cabo Home para, finalmente, continuar o último tramo da ruta en Vigo.

Sornosa encargarase de plasmar estas rutas a través do seu blog e redes sociais, nas que conta con case 33.000 seguidoras e seguidores en Facebook, case 9.000 en Instagram, 11.200 en Twitter, 6.623 en Youtube, 124 en Vimeo e 5.670 en su blog. A través destas canles dará a coñecer de maneira online os intereses turísticos, culturais ou gastronómicos da provincia para todas as persoas seguidoras.