Noticias

A Deputación ve a proposta da Xunta para crear unha subsede dos GES no Grove como un paso absolutamente insuficiente tras catro anos de bloqueo

Font destaca que a Xunta pretende financiar o custo do incremento de persoal detraendo cartos do Fondo de Cooperación Local, "polo que os concellos pagarán por partida dobre"


21 outubro 2021

O deputado Carlos Font, representante provincial na Comisión de Seguimento dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), cualificou hoxe de "absolutamente insuficiente o paso dado pola Xunta de Galicia anunciando a creación dunha subsede no concello do Grove". Font lembrou que xa en 2017 a Deputación presentou unha proposta para integrar no sistema dos GES ao Grupo Municipal de Emerxencias do concello arousán, proposta que sempre tivo unha negativa rotunda por parte do goberno galego. "Agora", dixo Font, "falan dunha subsede o que, amais de insuficiente, sería unha decisión discriminatoria co Grove e profundamente contraditoria coa remodelación anunciada pola Xunta para converter en sedes tódalas subsedes, tanto as xa existentes (A Estrada e Lalín) como as aprobadas e aínda pendentes de entrada en servizo (Redondela e Mos)".

Font encontra incongruente que se afirme que tódalas subsedes GES que contaban con 6, 9 ou 10 integrantes pasen a converterse en sedes de 12 efectivos e que, ao mesmo tempo, tras catro anos de bloqueo, a Xunta propoña agora crear medio GES no Grove con tan só 6 integrantes. Unha idea especialmente estraña cando a Xunta sabe perfectamente que o actual Grupo Municipal do Grove dispón de 13 compoñentes. E máis incomprensible aínda cando a propia Xunta defende agora tamén a equiparación das achegas económicas que reciben os grupos de emerxencias municipais de Sanxenxo e Ponteareas coas que perciben os GES.

"A Xunta nos di na mesma xuntanza que só quere que haxa bases GES con dotacións completas para acabar coas subsedes e que quere facer unha excepción co Grove. Por que A Estrada e Lalín si e O Grove non?" "E di, ademais, que tódolos grupos municipais, agás O Grove, deben ter o mesmo financiamento que os integrados no sistema GES. Por que Sanxenxo e Ponteareas si e O Grove non?" Se había sospeitas máis que fundadas de que o tratamento que a Xunta dá ás bases dos GES garda relación coa cor política dos concellos nos que se asentan ou se pretenden asentar, quedaron completamente despexadas, indica o deputado provincial. Diante de todas estas circunstancias, a Deputación acudirá cunha proposta alternativa "máis funcional, racional, rigorosa e equilibrada" para axudar a cubrir o mapa das emerxencias da provincia e tratando a tódolos territorios con equidade.

Ademais, Font recalca que o que a propaganda da Xunta de Galicia vende como un reforzo do sistema de emerxencias galego finánciase co Fondo de Cooperación Local, "é dicir, cos cartos que xa corresponden, por mandato constitucional, aos concellos". "Unha vez máis a Xunta invita e a Administración local paga, neste caso por partida dobre: directamente coas partidas que achegan deputacións e concellos con fondos propios e indirectamente coas que se lles retiran do Fondo de Cooperación Local". "E todo elo sen esquecer nunca que a Xunta saca o resto dos cartos do sistema de emerxencias do canon eólico, un imposto que debería ir integramente aos concellos afectados polos parques, e que acaba, de xeito espurio, no peto da Xunta".