Noticias

A Deputación ultima as obras de mellora da estrada á igrexa de Sabaxáns en Mondariz

O deputado Uxío Benítez explica que a actuación inclúe o saneamento do firme, calmado de tráfico e nova sinalización horizontal e vertical


28 marzo 2019
Sabaxáns

O Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a finalizar as obras de mellora da estrada provincial EP-4307 de acceso á igrexa de Sabaxáns, no concello de Mondariz. Os traballos, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, supoñen a rehabilitación e saneamento da totalidade do firme (1.580 metros), a instalación de elementos de calmado de tráfico, e a colocación de nova sinalización vertical e horizontal co fin de aumentar a seguranza da vía.

Os operarios da empresa adxudicataria, ‘Misturas, Obras e Proxectos SA', están a estender nestes días a última capa de micro aglomerado en toda a superficie do viario, un labor que tivo que ser adiado o pasado mes de febreiro debido ao mal tempo. Agora que a climatoloxía o permite realizarase tamén o pintado da sinalización horizontal, prevista para a semana próxima, remarcando os dous redutores de velocidade existentes e instalando os sinais verticais pertinentes.

No proxecto de mellora da estrada foi necesario incluír o fresado do firme en mal estado, ademais da demolición e levantado de toda a capa de rodaxe que presentaba maiores deficiencias, para despois aplicar as diferentes capas asfálticas, masillas e tratamentos anti escorregadizos. Tamén se proxectaron tres redutores físicos de velocidade de nova construción a maiores dos dous que estaban xa instalados, cos seus correspondentes reflectores ‘ollo de gato' nos puntos quilométricos 0+600, 0+800 e 0+920, cun largo de 5 metros en todos os casos.

O orzamento desta obra, segundo explica Benítez, era de 48.196,90 euros, se ben a adxudicación formalizouse por 47.906 euros. As obras comezaron a mediados de xaneiro e tiñan un prazo de execución de dous meses, mais foi preciso asinar un acta de paralización debido a que a climatoloxía non permitía desenvolvelas.