Noticias

A Deputación ultima as obras de dous muros na estrada provincial Gaxate-As Ermitas na Lama

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que só resta a extensión do novo firme na zona, que se fará cando as condicións climatolóxicas o permitan


02 novembro 2017
A Lama

O Servizo de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a piques de finalizar a reconstrución de dous muros na estrada provincial EP-0303 entre Gaxate-As Ermitas no Concello da Lama. Xa se finalizou a instalación das paredes de pedra, no día de hoxe instaláronse as biondas de seguridade e, na vindeira semana, se a climatoloxía o permite, entendérase o firme do sobreancho realizado.

Segundo explicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, esta actuación de mellora da seguranza viaria ten un orzamento de 26.860, 16 euros, e foi necesaria para garantir a estabilidade da estrada tralos danos producidos polos temporais, co afundimento dos noiros situados nos puntos quilométricos 0+200 e 1+700, nunha zona moi próxima ao leito do Regueiro das Ermidas –afluente do río Oitavén–.

Segundo os informes dos servizos técnicos provinciais a construción de séndoos muros de sostemento e a colocación dunha barreira de seguridade está motivada principalmente polos danos na estrutura da estrada, que comprometía a estabilidade da mesma e a seguranza das usuarias e usuarios. Para a reconstrución dos noiros foi precisa a utilización de 14 camións de pedra (unhas 370 toneladas aproximadamente). A empresa adxudicataria das obras foi Construcciones Caldevergazo S. L., que traballou na zona cun camión-grúa e unha miniretroescavadora durante as últimas semanas. O prazo de execución previsto para os traballos era de dous meses, polo que a actuación finalizará antes do previsto.

Ademais desta actuación, a Deputación tamén ten previsto executar no Concello da Lama nas próximas semanas a renovación da drenaxe e mellora do firme da estrada EP-0307 entre Peso-Caroi. Segundo indicou o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, esta obra tamén garantirá a estabilidade da estrada tras os temporais de chuvia do anterior inverno que, xunto co paso continuo de camións pola zona, produciron danos irreversibles na vía.