Noticias

A Deputación ultima a quinta edición de "DepoEmprende" coa selección dos centros educativos participantes

Un total de 23 centros de 12 concellos da provincia participarán nas modalidades de "DepoEmprende na escola", "DepoEmprende na ESO" e "DepoEmprende na FP


13 outubro 2020
DepoEmprende

A Deputación de Pontevedra dá un paso máis para a posta en marcha da quinta edición de "DepoEmprende", o programa da institución destinado a fomentar o espírito emprendedor no marco do sistema educativo, coa publicación este martes da lista provisional de centros educativos adheridos ao proxecto. Este ano participarán en total 23 centros de 12 concellos da provincia, 8 na modalidade de "DepoEmprende na Escola", outros 8 en "DepoEmprende na ESO" e 7 en "DepoEmprende na FP".

En concreto, en "DepoEmprende na escola" os centros educativos seleccionados son o CEP Plurilingüe Igrexa-Valadares (Vigo), CEIP Santo André de Xeve (Pontevedra), CPI Julia Becerra Malvar (Ribadumia), CEE Pontevedra, CEIP Plurilingüe nº1 (Tui), CEIP A Xunqueira nº1 (Pontevedra), CEP Plurilingüe de Carballedo (Cerdedo-Cotobade) e CEIP Serra-Vincios (Gondomar). Pola súa banda, en "DepoEmprende na ESO" foron seleccionados o IES Illa de San Simón (Redondela), IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar), IES Plurilingüe A Paralaia (Moaña), IES Manuel García Barros (A Estrada), IES Illa de Ons (Bueu), IES de Rodeira (Cangas), CPI da Cañiza e IES Luis Seoane (Pontevedra). En canto a "DepoEmprende na FP", os centros educativos adheridos son o IES Plurilingüe Terra de Turonio (Gondomar), IES Johan Carballeira (Bueu), CPR Daniel Castelao (Vigo), CPR San Miguel (Vigo), CIFP Carlos Oroza (Pontevedra), CIFP Manuel Antonio (Vigo) e CIFP A Xunqueira (Pontevedra).

O programa da Deputación porase en marcha entre finais de outubro e principios de novembro e prolongarase ata o mes de xuño.  Debido á pandemia da Covid19 o formato, aínda que está previsto que se desenvolva de maneira semipresencial ou telemática, adaptarase ás decisións que se tomen desde as administracións públicas sobre a organización e planificación e a evolución da crise sanitaria.

O proxecto educativo "DepoEmprende na Escola" está dirixido ao alumnado de Educación Primaria (5º ou 6º curso) e de Educación Especial e "DepoEmprende na ESO" destínase a mozos e mozas de 15 a 16 anos (4º da ESO) que estuden, preferentemente, as materias de Iniciativa á Actividade Emprendedora e Empresarial, Ciencias Aplicadas á Actividade Profesional ou similares. Doutra banda, "DepoEmprende na FP" está dirixido ao alumnado de Formación Profesional de Grao Medio ou Superior que curse, preferentemente, o módulo de Empresa e Iniciativa Emprendedora ou similares. Para potenciar a comunicación entre os centros a Deputación de Pontevedra pon á súa disposición o Portal Educativo de DepoEmprende, que tamén  ten como fin favorecer o acceso aos recursos formativos e didácticos e asegurar a orientación, asesoramento e titoría de forma continua.

A través destas modalidades "DepoEmprende" promove dinámicas de traballo que fomenten o emprendemento no marco do sistema educativo e impulsen que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe. Amais, para o desenvolvemento eficaz de "DepoEmprende" a Deputación de Pontevedra dota aos centros participantes de formación, recursos e ferramentas. Entre estas accións destacan unha serie de formacións para o profesorado participante durante o desenvolvemento dos proxectos.