Noticias

A Deputación traslada á Consellería de Cultura as propostas acordadas pola Comisión Interadministrativa de Adro Vello

Solicítase a Patrimonio que concrete con urxencia as medidas necesarias para poder salvagardar o xacemento ante o deterioro da duna que o protexe


16 marzo 2021
Adro Vello

A Deputación de Pontevedra acaba de remitir un escrito á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coas propostas e acordos adoptados pola Comisión Interadministrativa de Adro Vello. O obxectivo desta carta non é outro que manter un correcto fluxo de comunicación para axilizar as actuacións que garantan o mantemento e conservación deste importante xacemento arqueolóxico do Grove. Neste eido, entre outras cuestións, trasládase no escrito a necesidade de que Cultura, ao través do Servizo de Patrimonio, concrete coa maior axilidade posible as medidas provisionais necesarias para minimizar o deterioro da duna que protexe o xacemento e poder, así, salvagardalo.

A principal preocupación da Comisión, como así se especifica na carta dirixida á Consellería de Cultura, é o estado de deterioro da duna que protexe a Adro Vello de xeito natural das mareas. Por este motivo, e previamente ao primeiro encontro interadministrativo, xa se enviou unha proposta inicial e provisional para actuar o máis axiña posible que foi rexeitada por Medio Ambiente, quen propuxo un proxecto de enxeñería que se prolongaría no tempo. Neste eido, e dada a inquedanza existente polo estado da duna, a Comisión acordou solicitar á Consellería que defina unha actuación de emerxencia que preveña a súa degradación para preservar o espazo arqueolóxico e poder, así, seguir traballando de cara á determinación do seu financiamento e posterior execución.

Ademais desta solicitude, a Comisión Interadministrativa de Adro Vello aprobou outros acordos tamén especificados na carta dirixida ao conselleiro de Cultura. Entre eles, o compromiso da Deputación de Pontevedra para poñer a disposición ao arqueólogo provincial para axilizar os procedementos xa que, todas as obras que se teñen que acometer nese espazo, precisan dun control arqueolóxico. Pola súa banda, infórmase na carta do compromiso do concello do Grove de realizar unha limpeza extraordinaria antes do verán e de repoñer o pechamento exterior do xacemento unha vez estean executadas as obras na zona das dunas. Tamén se detalla a necesidade de finalizar o procedemento do xacemento como BIC e de que a Consellería de Cultura redacte un Plan director que determine as actuacións a acometer, a medio e longo prazo, no xacemento, entre as que se atopan a redacción do proxecto de escavación e consolidación da área actual, o proxecto de musealización, o cambio do trazado da estrada ou a intervención na zona afectada pola mesma.

Escrito remitido á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (pdf)