Noticias

A Deputación transforma o núcleo urbano de Moraña coa humanización da rúa principal e a posta en valor da carballeira de Santa Lucía

Unha achega provincial de 111.000 euros do Plan Concellos permitiu redeseñar as beirarrúas e o mobiliario urbano da Rúa 1, que coincide co trazado da estrada autonómica PO-226 ao seu paso polo centro da localidade


25 agosto 2021
Humanización nucleo urban de Moraña

O núcleo de Santa Lucía, é dicir o centro urbano de Moraña, estrea unha configuración máis moderna e amable para as persoas que camiñan despois dun investimento de máis de 111.000 euros ao abeiro do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. A actuación fixo posible a humanización e mellora da seguridade peonil da Rúa 1 e a posta en valor da zona verde da carballeira de Santa Lucía. O deputado provincial Gregorio Agís visitou hoxe a zona xunto ao alcalde, José Cela. 

As obras tiveron como obxecto revitalizar a arteria principal do núcleo urbano de Moraña, que presentaba deficiencias con baldosas rotas ou levantadas. Obrouse en preto de 550 metros de rúa urbana, desde o cruzamento da casa do concello ata o final da carballeira, conectando cun treito de beirarrúas renovadas nunha actuación anterior. Trátase do tramo urbano da estrada PO-226, pertencente á Rede Autonómica de Estradas, polo que a pesar de ser unha obra financiada pola Deputación, o Concello tivo que tramitar a autorización diante da Axencia Galega de Infraestruturas, así como a licenza da Dirección Xeral de Patrimonio a causa da proximidade dunha edificación catalogada.

Durante a visita destacouse que trátase dun proxecto que non só mellora a imaxe da rúa principal e que vertebra todo o centro urbano de Moraña, senón que tamén contribúe á revitalización do comercio do municipio, situado principalmente nesta zona, ao facilitar o tránsito peonil e eliminar descontinuidades e barreiras arquitectónicas existentes anteriormente. 

A reforma consistiu na demolición das beirarrúas e bordes, así como do aglomerado asfáltico nun punto concreto para ampliar o espazo dedicado ás persoas viandantes. As novas beirarrúas quedaron rematadas en dúas configuracións: unha parte rematouse en formigón con xuntas de lastros prefabricados e o resto pavimentouse con baldosas con franxas de granito. Ademais, canalizouse a rede de iluminación pública, mellorouse a recollida de pluviais e procedeuse á preinstalación para a subministración eléctrica. Finalmente, instaláronse dous cubrecontedores con estrutura de aceiro e forrados con listóns de madeira e chapa frontal co escudo e nome do concello en aceiro cortén. A zona máis próxima á carballeira quedou equipada con tres bancos, unha papeleira, escavas axardinadas e plantouse unha magnolia. 

A Deputación de Pontevedra leva investidos no concello de Moraña desde a chegada de Carmela Silva á súa Presidencia máis de 5,1 millóns de euros, dos cales 2,8 millóns saíron do Plan Concellos, que para este ano 2021 conta cun investimento de 480.160 euros. Coa primeira liña deste plan, destinada a investimentos, financiáronse estes anos máis de 15 proxectos como a reforma do Centro Cultural Daniel Castelao ou a mellora do parque infantil da Praia e, ao abeiro da segunda liña, subvencionáronse actividades como a Festa e a Carreira do Carneiro ó Espeto, a Festa do Deporte ou o Proxecto Círculo. Finalmente, a terceira liña do Plan Concellos deu lugar á contratación de 53 persoas traballadoras desde o 2016 ao 2021. Ademais, a rehabilitación do núcleo de Santa Lucía viuse completada coa construción en 2017 do actual edificio multiúsos na praza de Abastos, financiada a través do Plan Reequilibrio, unha obra que supuxo un investimento provincial de 177.815 euros.