Noticias

A Deputación de Pontevedra transforma o núcleo de Dena, en Meaño, con novos equipamentos para a mellora da calidade urbana e "de espazos públicos para a xente"

As achegas do Plan Concellos por importe de 360.000 euros permiten a habilitación dunha nova praza ademais dun aparcadoiro e equipamentos deportivos e de lecer de Coirón


03 decembro 2020
Alcalde, deputada e membros da corporación posan nas obras

O núcleo de Dena, en Meaño, luce xa a nova praza pública que se converterá en punto de encontro para toda a veciñanza e que foi financiada cunha achega do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. O deputado provincial Santos Héctor e a deputada Noemí Outeda visitaron hoxe xunto ao alcalde, Carlos Viéitez, este espazo, así como o novo aparcadoiro en Coirón, proxecto co que a institución provincial tamén colaborou coa adquisición dos terreos ao abeiro do mesmo plan. En conxunto, nestas dúas actuacións a Deputación investiu preto de 360.000 euros.

Trátase de dúas obras que transforman este núcleo de Dena, que suporán un cambio de calidade urbana moi notable e que son froito da colaboración da Deputación e o Concello de Meaño. De feito, Dena gaña 5.000 metros cadrados de espazos públicos para o lecer, para realización de actos e para que a veciñanza poida gozar da natureza ao redor do río da Chanca, así como unha zona de estacionamento que dará servizo ás persoas usuarias do colexios e os equipamentos deportivos de Coirón. Como sinala o deputado Santos Héctor, son obras de gran importancia para Dena, "que adoecía dun espazo público aberto, de dimensións adecuadas, onde realizar eventos e reunións festivas dos seus habitantes". "Por iso –apuntou–, este espazo, próximo ao centro da poboación, pretende ser o punto de encontro de referencia, que combina unha zona verde con outra parte pavimentada e poñen en valor o río para o goce da veciñanza, cun novo paseo que discorre pola súa beira".

A nova praza, executada en pedra e lastra, ocupa unha superficie de 2.637,25 metros cadrados e linda coa rúa da Ponte (que está na estrada que une Cambados co Grove) e co río da Chanca. Os traballos incluíron a subida da cota do terreo (había un desnivel de 1,75 metros ata o río) para protexer o espazo de posibles enchentes e mellorar a accesibilidade, e realizáronse tendo en conta a posibilidade de facilitar o acceso de vehículos pesados para a montaxe de elementos para eventos e actuacións. As obras completáronse coa plantación de céspede e árbores de porte (ameneiros ao lado do río, loureiros nos límites da zona pavimentada e carballos na área de acceso e límite da rúa). Ademais, instaláronse elementos de iluminación perimetral na zona pavimentada en pedra e rego automático.

Doutra banda, no que atinxe ao aparcadoiro de Coirón, esta nova dotación optimiza a capacidade de aparcamento de todo o complexo de centros educativos, lúdicos e deportivos de Coirón, tamén en Dena. A Deputación sufragou, a través do Plan Concellos, a adquisición da parcela onde se sitúa, a carón do pavillón deportivo e do CEIP Coirón, un espazo tamén próximo ao campo de fútbol das Cachizas, a escola infantil o parque-pista deportiva e a piscina municipal. O estacionamento ten 2.271metros cadrados e o importe da adquisición foi de 95.670 euros. O Concello acaba de realizar o acondicionamento e asfaltado da superficie cun orzamento doutros 79.612 euros. As obras consistiron no acondicionamento do terreo con xabre compactado e aglomerado asfáltico, a dotación dunha beirarrúa lateral e a dotación da infraestrutura para a recollida de augas pluviais, así como a conexión á rede. Completouse cunha nova rede de iluminación, o pintado, colocación de bancos e papeleiras e o embelecemento da zona con espazos axardinados.

Investimentos en Meaño

O Concello de Meaño ten recibido preto de 4 millóns de euros en investimentos da Deputación de Pontevedra desde 2015. Tan só neste 2020, con cargo ao Plan Concellos, conta cun investimento de 505.900 euros. Con este apoio económico da Deputación pode acometer en torno a unha trintena de obras e puido contratar a 75 traballadoras/es para servizos municipais.