Noticias

A Deputación tínguese de violeta e revalida o seu compromiso coas asociacións de persoas e familiares afectados/as no Día Mundial do Alzhéimer

As sedes provinciais iluminaranse desde esta noite para sumarse ao apoio ás persoas e familias afectadas e para subliñar a importancia da investigación, a dotación de recursos públicos e a sensibilización sobre esta enfermidade neurodexenerativa


20 setembro 2021
Día Mundial do Alzhéimer

A Deputación de Pontevedra iluminará de violeta o seu Pazo provincial desde as 20:30 horas deste luns 20 de setembro ata as 8:00 da mañá do martes 21 ao abeiro do Día Mundial do Alzhéimer. Deste xeito, a institución únese á campaña "Alzhéimer hoxe, mañá será tarde", da Federación Alzhéimer Galicia (FAGAL) co fin de destacar a importancia do diagnóstico e intervención precoz para intervir a tempo o alzhéimer e deter ou retardar o seu avance. Neste senso, a Deputación amosou o seu total compromiso para resaltar a importancia da investigación, a dotación de recursos públicos e a sensibilización sobre esta enfermidade neurodexenerativa.

O ente provincial mantén un total compromiso na loita contra as enfermidades neurodexenerativas en xeral e, co alzhéimer en particular, uníndose ás campañas e proxectos que, como a desenvolvida este ano por FAGAL, sensibilizan e dan visibilidade á enfermidade. Así, a Deputación colabora con institucións como a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias de Galicia (AFAGA), co proxecto "Alzhéimer 360º", ou coa Asociación de Familiares e Persoas con Alzhéimer do Morrazo (AFAMO), para levar a cabo un programa de atención integral a persoas con alzhéimer e outras demencias mediante a fisioterapia e a terapia ocupacional.

Para a institución é fundamental sumarse a estas iniciativas que teñen por obxectivo concienciar á cidadanía, aumentar a información sobre doenzas coma o alzhéimer e manifestar todo o seu apoio ás persoas que padecen a enfermidade e ás súas familias, posto que se trata dun mal que afecta de xeito significativo tamén ós achegados e achegadas do doente. Así o expresa Carmela Silva no audiovisual que se distribuirá mañá martes a través dos canais sociais da Deputación, no que insta á sociedade a reclamar "unha aposta decidida para ser capaces de atender ás persoas e tamén de ter os recursos necesarios para loitar contra unha enfermidade que afecta a tanta xente que está ao noso carón".

O alzhéimer é a primeira causa de demencia, considerado desde hai uns anos unha tema de primeira orde en canto á saúde se refire. En Galicia, segundo FAGAL, hai preto de 70.500 persoas con alzhéimer ou outro tipo de demencia; que afectan ó 12,5 % das persoas maiores de 65 anos e ó 31,25 % das persoas que superan os 85 anos. A nivel mundial, a Organización Mundial da Saúde calcula que o número de persoas con enfermidades neurodexenerativas se triplicará e superará os 150 millóns en 2050; do cales se poderían previr uns 40 millóns sen necesidade de fármacos evitando os factores de risco.