Noticias

A Deputación tínguese de rosa e revalida o seu compromiso con AECC no día internacional contra o cancro de mama

O Pazo Provincial e a sede de Vigo iluminaranse esta semana para dar visibilidade a esta enfermidade, que constitúe o tumor máis frecuente nas mulleres occidentais, nun ano no que se detectaron máis de 30.000 novos casos en España


18 outubro 2021

A Deputación de Pontevedra iluminará de rosa o seu Pazo Provincial desde as 19.30 deste luns 18 de outubro, e a sede de Vigo desde o martes 19 á mesma hora, ata as 7.30 da mañá do sábado 23 ao abeiro do Día Internacional contra o Cancro de Mama. Como cada 19 de outubro, a institución provincial súmase ás accións que se desenvolven para dotar de visibilidade á enfermidade e facer fincapé no compromiso que tanto as institucións como a sociedade teñen a favor da loita contra o cancro de mama. Amais, a Deputación vén de revalidar o seu apoio a AECC e ao seu programa de atención psicosocial ao enfermo oncolóxico e aos seus familiares.

Para o ente provincial é fundamental sumarse ás iniciativas que teñen por obxectivo concienciar á cidadanía, sensibilizar á sociedade sobre enfermidades coma o cancro de mama e manifestar todo o seu apoio ás persoas que padecen a enfermidade e ás súas familias. Como mostra disto, este ano volve colaborar co proxecto de AECC, que ten como obxectivo principal mellorar a calidade de vida dos diagnosticados/as de cancro e das súas familias, así como levar a cabo campañas e actuacións de información e sensibilización á cidadanía. Trátase dun programa de grande repercusión na provincia, do que son beneficiarios/as máis de 2.100 doentes e co que se estima chegar a máis de 10.000 beneficiarios/as indirectos/as.

En España, o cancro de mama é a primeira causa de mortalidade por cancro nas mulleres. A probabilidade estimada de padecelo sendo muller é de unha de cada oito. Trátase do tumor máis frecuente nas mulleres occidentais e, no que vai de ano, detectáronse en España máis de 30.000 novos casos. Constitúe un tipo de tumor que acostuma aparecer entre os 35 e os 80 anos, aínda que a franxa dos 45-65 é a de maior incidencia. Porén, este tumor pode detectarse moito antes de que apareza ningún síntoma, sendo as posibilidades de curación case do 100% cando se detecta na súa etapa inicial. É por iso que A Deputación de Pontevedra súmase á importancia de visibilizar a necesidade das autoexploracións, dos hábitos de vida saudables e, por suposto, da investigación.