Noticias

A Deputación de Pontevedra terá unha forte presenza na Culturgal para espallar igualdade e apoiar ao potente sector cultural da provincia

Durante a feira a institución dará a coñecer a súa programación en igualdade e cultura para 2022 nun stand que acollerá tamén a presentación cultural dos concellos


21 novembro 2021

Con accións diarias vangardistas e espectaculares a Deputación de Pontevedra terá unha potente presenza na décimo cuarta edición da Feira das Industrias Culturais de Galicia, Culturgal, que se desenvolverá entre o 26 e o 28 de novembro. Durante a feira a institución dará a coñecer a súa programación cultural e de igualdade para 2022 coa presenza do sector audiovisual ao través dos festivais #RíasBaixasFilmFest. Amais, o stand da Deputación acollerá a presentación da oferta cultural dunha decena de concellos e preto de trinta protagonizarán un audiovisual coas súas propostas.

Na primeira xornada da feira, o 26 de novembro ás 17 horas, terá lugar a performance de Ana Gesto, artista visual participante no programa "Mulleres en acción. Violencia Zero". Gesto realizará a peza "Acción e variacións para Do de peito" na que fará fincapé nas diferenzas e dificultades na procura de mostrar o seu do de peito.  Ese mesmo día e trala actuación de Ana Gesto a presidenta da Deputación presentará a sétima edición do programa "Mulleres en acción. Violencia Zero" que baixo o lema "Fronte ao patriarcado, artistas que moven, removen e conmoven. Móvete con elas contra a violencia machista!" empregará diferentes manifestacións artísticas como a performance, a música, a acción escénica, os murais, a danza urbana e a poesía para provocar unha reacción social contra a violencia machista en 25 concellos da provincia.

Xa o sábado, 27 de novembro, ás 11.15 horas, Carmela Silva presentará as liñas xerais da programación cultural da Deputación de Pontevedra cara o vindeiro 2022. Tamén dará a coñecer o impulso dos festivais do audiovisual da provincia aglutinados baixo a marca #RíasBaixasFilmFest.  Amais, ese mesmo día pero ás 20.30 horas, Carmela Silva presentará a colección de historias  dirixida ao público xuvenil "Defensoras de dereitos", impulsada pola institución provincial xunto á Coordinadora galega de ONGD  para poñer en valor o labor das mulleres defensoras de dereitos humanos, que romperon os moldes establecidos e traballan polo cambio social en Mesoamérica.

Duranta a xornada do sábado tamén será posible escoitar no stand da Deputación na Culturgal a dúas artistas que veñen de participar no novidoso programa que a institución provincial liderou xunto con Regalamusica "Descúbreas". Trátase de Pauliña, que actuará ás 12.15 horas, e MJ Pérez que se poderá escoitar ás 19.00 horas. Tralas dúas actuacións terán lugar as micro presentacións das propostas culturais dos concellos da provincia.