Noticias

A Deputación súmase ó Día Mundial da Saúde Mental

Carmela Silva subliña a necesidade de impulsar políticas públicas para a mellora da calidade de vida das persoas con enfermidade mental


10 oct 2016
Día Mundial da Saúde Mental

Con motivo do Día Mundial da Saúde Mental a Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, sumouse a esta conmemoración xa que "desde que cheguei á Deputación de Pontevedra, as políticas públicas se converteron no obxectivo prioritario da institución provincial". Co gallo do Día Mundial da Saúde Mental, Silva fixo fincapé na necesidade de que a Xunta de Galicia, que é a institución competente para elo, impulse actuacións dende tódolos ámbitos para "mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidade mental así como das persoas que as coidan".

Carmela Silva destacou que "segundo a Organización Mundial da Saúde o 25% da poboación padecerá algunha enfermidade mental ó longo da súa vida, polo que é unha cuestión que non pode quedar ó marxe, senón que é preciso falar de ela e darlle visibilidade para que ocupe un espazo no ámbito público". 

Ademais, Carmela Silva asegurou que "todas as persoas, pese a que somos diferentes entre nós, somos suxeitos de dereito, polo que recoñecer o valor engadido de cada unha das nosas diferenzas e potencialas en todos os ámbitos é clave para unha vida máis xusta, equitativa, plural e democrática". Neste eido a Presidenta da Deputación  subliñou que "é necesario impulsar a igualdade real entre as persoas e promover a inclusión nos diferentes ámbitos da vida, co obxectivo de que toda a cidadanía teña dereito a unha vida independente e a acadar a autosuficiencia económica".  

En concreto, Silva mencionou a dificultade de inserción laboral que teñen as persoas con enfermidade mental dando a coñecer que "o 95,4% das persoas con discapacidade por enfermidade mental están sen emprego non noso país". Por tal motivo, "todas as administracións debemos traballar xuntas para acadar que persoas con enfermidade mental se inclúan nos procesos económicos e produtivos, porque a enfermidade mental non é impedimento, non nos diferenza, para ocupar un posto de traballo", manifestou Silva.

No mundo hai 450 millóns de persoas con enfermidade mental. No continente europeo, o 40% da súa poboación padece estas enfermidades e en España hai máis dun millón de persoas con enfermidade mental das cales 41.500 son galegas.