Noticias

A Deputación súmase este sábado ao Día Mundial das Persoas Ostomizadas

A institución provincial participa na campaña "Levo bolsa e non é para comprar" e acollerá en decembro a primeira exposición sobre ostomía "Heroes e heroínas"


02 outubro 2021
Día Mundial das Persoas Ostomizadas

A Deputación de Pontevedra súmase este sábado á conmemoración do Día Mundial das Persoas Ostomizadas co apoio ás distintas actividades promovidas pola Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizad@s (ASSEII). Desde hoxe e ata o día 20 a Deputación participa na visibilización da campaña "Levo bolsa. E non é para comprar", unha iniciativa do colectivo OWings en colaboración coa asociación de persoas afectadas ACCU Catalunya que consistiu na creación dun logo e o citado eslogan plasmados nunha camiseta.

Tanto a presidenta provincial, Carmela Silva, como a deputada de Cohesión Social, Olga García, vístense con esta prenda nas distintas publicacións que están a recoller as redes sociais da Deputación, cos hashtags #levobolsaenoneparacomprar, #worldostomyday, #Diamundialdaostomia e #ASSEII.  "Levamos esta camiseta con orgullo –salienta Carmela Silva, como un símbolo de que esta administración está ao lado das persoas ostomizadas. Hoxe é un día é fundamental para visibilizalas e para demandar que hai que ter un compromiso público real para que estas persoas poidan ter garantidos todos os dereitos que precisan para ter unha vida normal. Por iso participamos nesta campaña e reclamamos con claridade que haxa estes recursos".

A presidenta destaca a labor que está a desenvolver ASSEII, unha asociación pioneira na reivindicación dos servizos para as persoas ostomizadas, que en Galicia son 5.000, das que 2.000 viven na provincia. No marco do seu compromiso coas persoas afectadas, Deputación conta con baños adaptados no Edificio Administrativo e na súa sede de Vigo, e traballa para a habilitación doutros no Pazo e no Museo de Pontevedra. Son instalacións perfectamente equipadas, para as que a institución contou co asesoramento de ASSEII e que dispoñen de aparatos sanitarios e lavabos adaptado e todos os demais útiles e mobiliario necesarios. Na actualidade hai 33 sedes públicas Galicia que contan con estes servizos.

Con 163 persoas socias, das que 90 son afectadas e o resto familiares, as principais reivindicacións deste colectivo, que preside Ángela Paz e que desenvolve diversas campañas de visibilización, están enfocadas a conseguir mellorar o día a día das persoas portadoras de ostomía, e entre elas están conseguir que as persoas afectadas poidan ter consultas especializadas nos hospitais públicos e, no caso das crianzas consultas específicas de ostomía pediátrica e produtos farmacéuticos adaptados a elas, así como conseguir a creación de baños adaptados a estas patoloxías, acadar que estas persoas poidan ter acceso a baños sen ter que consumir ou facilitarlles o aparcamento en momentos de urxencia. "Se estamos aquí é pola cativada que vén detrás; non queremos –sinala Paz- que sufran o que nós sufrimos durante anos. É un dereito. Queremos ter bolsas de calidade e estomaterapeutas a nivel de todo o estado. Igual que unha persoas cun problema cardíaco chega a Valencia e ten unidades de tratamento, nós tamén queremos poder viaxar con tranquilidade".

Exposición

Por outra banda, no marco da colaboración con ASSEII, no mes de decembro o Palacete das Mendoza da Deputación acollerá a exposición "Heroes e heroínas", realizada por Gesto e que constitúe a primeira mostra itinerante sobre ostomía que se realizou en España. Será a primeira vez que se poida visitar na provincia e trátase dunha homenaxe a todas as persoas que viven ou viviron cunha ostomía, e tamén un tributo a todos os e as profesionais estomaterapeutas que, cos seus coidados especializados, a súa atención e cariño axudan e impulsan ás persoas pacientes ata lograr a súa plena recuperación.

A mostra consta de 17 paneis, dos que 14 están dedicados aos heroes e heroínas, e con fotografías de Álvaro Laiz, recoñecido retratista que conta con recoñecementos como o Sony World Photography Awards 2019 e é explorador do National Geographic. Entre os retratos que amosa a mostra, figuran os de Víctor Loira, vicepresidente de ASSEII, as estomaterapeutas da Área Sanitaria Pontevedra O Salnés e Araceli Fernández de Vigo, co seu estomaterapeuta do Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.