Noticias

A Deputación de Pontevedra súmase este sábado ao Día Internacional contra o Cambio Climático co lanzamento do primeiro concurso "Reacción polo Clima" dirixido á mocidade

Carmela Silva: "A xuventude xoga un papel fundamental e sabemos que con compromiso político e recursos adecuados ten todo o potencial para transformar o mundo"


23 outubro 2020
Imaxe da rolda de prensa 23/10/2020

"Para a Deputación de Pontevedra todo o que ten que ver co medio ambiente, cos cambios de hábitos e de vidas que respecten a natureza é un obxectivo prioritario". Con estas palabras, a presidenta, Carmela Silva, anunciou que a institución provincial organizará este sábado o Día internacional contra o Cambio Climático co lanzamento do primeiro concurso Reacción polo Clima, dirixido á mocidade da provincia e que premiará os mellores traballos audiovisuais centrados na loita contra o cambio climático..

"A xuventude xoga un papel fundamental no cambio de hábitos e formas de vida e estamos seguras e seguros que con compromiso político e recursos adecuados ten todo o potencial para transformar o mundo", enxalzou a presidenta da Deputación. O concurso provincial, cuxas bases xa están publicadas no BOPPO, busca premiar os mellores vídeos centrados na loita contra o cambio climático, potenciando o talento, empoderando á xuventude e visibilizando as súas reivindicacións. Ademais, tal e como explicou Carmela Silva, os traballos serán inéditos, dun máximo de 5 minutos, en formato audiovisual e admitirase calquera tipoloxía empregada nas redes sociais ou medios de natureza similar como Instagram, TikTok ou YouTube.

En canto aos premios, poderán optar a eles mozas e mozos de entre 16 e 30 anos empadroadas/os na provincia, e tamén entidades nas que ao menos o 50 % das persoas que integran a súa xunta directiva teñan entre 16 e 30 anos. Deste xeito, haberá un primeiro premio valorado en 1.000 euros, un segundo de 600 euros e un terceiro de 400 euros. As persoas interesadas en presentar a solicitude e os proxectos terán 15 días hábiles a partir do luns.

Convenios FEGAMA e ASEFOGA

Ademais, o Goberno da Deputación aprobou as accións que se levarán a cabo ao abeiro dos convenios asinados coa Federación Galega de Medio Ambiente (FEGAMA) e coa Asociación Forestal Galega (ASEFOGA), dous programas divulgativos en centros escolares da provincia que comezarán en novembro.

En concreto, co convenio con FEGAMA, cun importe de 37.600 euros, poñerase en marcha un programa sobre o cambio climático para concienciar e sensibilizar ás nenas e nenos para que asumen un papel máis activo con pequenas accións cotiáns. Deste xeito, levarase a cabo un obradoiro didáctico con 25 visitas a centros escolares con metodoloxías baseadas en xogos participativos e dinámicas de grupo, e trípticos e folletos informativos. Ademais, o proxecto contempla tamén o concurso Como Ves ti o Cambio Climático, para alumnado de 5.º e 6.º de primaria, con dúas modalidades: debuxo e relato.

No caso de ASEFOGA, o convenio, valorado en 38.000 euros, permitirá a posta en marcha dun programa sobre o bosque na provincia para concienciar ao alumnado sobre os beneficios da conservación destes espazos. As accións inclúen a realización de máis de 14 obradoiros divulgativos en escolas ou campamentos, vídeos divulgativos sobre o ciclo da madeira, unha exposición itinerante cedida temporalmente aos espazos educativos con paneis fotográficos sobre os bosques, e tamén un agasallo de promoción dun produto forestal con certificación.