Noticias

A Deputación súmase ao Día Mundial do Medio Ambiente co lanzamento das actividades que animan á cidadanía a reconectar coa natureza

Volven os "Bosques terapéuticos" con 600 prazas para visitar 9 espazos naturais da provincia, e Voando nas Rías Baixas", cinco rutas ornitolóxicas cun total de 100 prazas


04 xuño 2021
Día del medio ambiente

A Deputación de Pontevedra súmase este sábado, 5 de xuño, á celebración do Día Mundial do Medio Ambiente coa posta en marcha de varias das iniciativas que a institución provincial desenvolve no marco deste eido, un dos eixes fundamentais nas súas políticas de maneira transversal desde a chegada do actual Goberno provincial. Ese firme compromiso coa sustentabilidade, a transición ecolóxica e co cumprimento dos ODS da Axenda 2030, que como di a presidenta, Carmela Silva, "é a Axenda da Deputación de Pontevedra", ten o seu reflexo en programas como os "Bosques terapéuticos" e "Voando nas Rías Baixas", que regresan este xuño, xunto a unha nova edición do Proxecto Libera para a retirada de "basuraleza" nos espazos naturais da provincia. O obxectivo común: permitir á cidadanía reconectar coa natureza e animala a implicarse no seu coidado, ademais de promover a provincia como destino sostible. En total, a Deputación ofertará 710 prazas nas actividades.

"Bosques terapéuticos": máis visitas e máis prazas

Desde o vindeiro sábado 12 de xuño, a cidadanía da provincia poderá volver a gozar dos "baños de bosque", actividade participativa que conxuga os beneficios para a saúde deste contacto coa natureza a través de todos os sentidos, coa interpretación da historia e o patrimonio que albergan estes contornos da provincia. Se o pasado ano a iniciativa chegou a 450 persoas, que participaron nas 30 rutas guiadas por 5 parques forestais da provincia, este ano a institución provincial amplía a oferta, con 600 prazas para as 40 visitas que se farán ata o 25 de setembro a 9 espazos naturais da provincia .

En concreto, haberá 15 prazas para cada unha das rutas guiadas a estes contornos. Ademais dos espazos de Cabo Udra (Bueu) e o parque da Picaraña (Ponteareas), que xa estaban no programa do pasado ano, este 2021 incorpóranse a dos salóns do Lérez (Pontevedra), a do parque natural Monte Aloia (Tui), a do espazo natural Arco da Vella (Bembrive, Vigo), a Ruta da Pedra e da Auga (Meis), o sendeiro Azul do río Verdugo (Ponte Caldelas), a senda de Almofrei (Cerdedo-Cotobade) e a Fraga de Catasós (Lalín). As citas terán lugar todos os sábados e domingos, e nos meses de xullo e agosto, tamén os venres. Co fin de facilitar a participación, programaranse varias visitas a cada un dos espazos, a fin de que as persoas interesadas poidan facer distintas rutas. Este mesmo venres, ábrese o prazo de inscrición para as rutas programadas en xuño e as persoas interesadas poden apuntarse a través do formulario que atoparán na web da Deputación (www.depo.gal). Serán un total de seis, polos salóns do Lérez (12 de xuño), parque Monte Aloia (día 13), espazo natural Arco da Vella (día 19), Cabo Udra (día 20), a Ruta da Pedra e da Auga (día 26) e o bosque da Picaraña (día 27).

Os baños de bosque están destinadas ao público xeral (menores con compañía) e terán unha duración de entre hora e media e dúas horas. Comezarán ás 10 da mañá polas especiais características de procura de tranquilidade e conexión coa natureza e desenvolveranse co habitual protocolo antiCOVID-19, de xeito que en todo momento se manterá a distancia física recomendada e será obrigatoria a máscara.

"Voando nas Rías Baixas" coa novidade da serra do Cando

O día 20 a Deputación iniciará a IV edición do programa "Voando nas Rías Baixas", as rutas ornitolóxicas gratuítas que desenvolve coa colaboración de SEO Birdlife, para dar a coñecer a riqueza da provincia e concienciar sobre a preservación de espazos naturais protexidos.

En total, ofertaranse 100 prazas, 20 en cada unha das cinco rutas programadas entre xuño e decembro, que se desenvolverán con todas as garantías sanitarias. Arrancarán o día 20 deste mes nas Brañas de Xestoso (Silleda, Forcarei e A Estrada), un espazo declarado de Especial Conservación e protexido pola Rede Natura 2000 e continuarán xa logo en setembro, o día 5, coa ruta pola serra do Cando (Cerdedo-Cotobade, Forcarei, A Lama e Beariz), que é novidade este ano. Este sistema montañoso, tamén protexido pola Rede Natura 2000, é dun alto valor ecolóxico e mítico tamén pola presencia do lobo ibérico e aves rapaces. A terceira das rutas terá lugar o 24 de outubro no Complexo Intermareal Umia-O Grove (situado entre os concellos do Grove, Sanxenxo, Meaño e Cambados), considerada a Reserva Ornitolóxica mais grande de España. Posteriormente, o 14 de novembro, as persoas participantes realizarán a actividade na Enseada de San Simón (Redondela, Soutomaior, Pontevedra e Vilaboa) e o 19 de decembro o programa finalizará coa ruta no Esteiro do Río Miño (A Guarda) e Foz da Ramallosa (Nigrán e Baiona), zonas protexidas pola Rede Natura 2000.

A inscrición para tomar parte na primeira das visitas ás Brañas de Xestoso abrirase o próximo luns día 7 e as persoas interesadas deberán cubrir un formulario habilitado na páxina web da Deputación, con prazo ata o 17 de xuño.

Xornada "Proxecto Libera" este ano na Paradanta

O 12 de xuño, a Deputación sumarase de novo á iniciativa colaborativa que convoca anualmente o Proxecto Libera (promovida tamén por SEO/Birdlife en alianza con Ecoembes) baixo o lema "1m² contra a basuraleza" e que consiste nunha mobilización a nivel nacional para recoller lixo nos contornos naturais. O obxectivo deste encontro é intentar reducir o lixo e residuos que hai na natureza ata cero, así como tipificar e caracterizar o tipo de residuos recollidos nestes puntos mediante unha metodoloxía estandarizada.

A xornada terá lugar este ano no contorno da praia Maceira, no concello de Covelo, na comarca da Paradanta. Ofertaranse 10 prazas para que persoas voluntarias participen no evento, que se desenvolverá baixo un estrito protocolo antiCOVID-19. Para asistir, as persoas interesadas deberán cubrir o formulario de inscrición que atoparán na web da Deputación. O prazo ábrese hoxe venres.

A actividade terá unha duración de dúas horas. As e os participantes contarán cunha aplicación que lles axudará a compartir os resultados, que serán incorporados ás bases de datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica e servirán para buscar estratexias máis eficientes para acabar con este grave problema ambiental. Para desenvolver a actividade, desde o Proxecto Libera facilitarase material como guantes, bolsas de distintas cores para segregar os residuos (azuis, amarelas, verdes e negras) e protección para a cabeza fronte ao impacto directo do sol. Tamén se fará cargo do seguro de todas as persoas participantes.

Concurso Reacción polo Clima con premios de maior contía

Por último, a Deputación xa está a valorar os oito traballos audiovisuais presentados pola mocidade da provincia á II edición do concurso audiovisual Reacción polo Clima, co que desde o ano pasado tenta involucrar dun xeito máis activo á xuventude na loita contra o cambio climático. A institución destaca a enorme calidade dos audiovisuais presentados, que amosan o gran talento das novas xeracións, así como o seu compromiso para ser partícipe na posta en marcha das políticas activas no marco da Axenda 2030.

Nesta II edición do certame a Deputación incrementou a contía global dos premios, que ascende a un total de 4.000 euros, para recoñecer o talento e a implicación das mozas e mozos da provincia de entre 16 e 30 anos, na loita contra este desafío do cambio climático. Haberá un primeiro premio dotado con 2.400 €, un segundo de 1.000 € ou un terceiro de 600 €, que se entregarán a finais de ano na Gala da Xuventude da institución provincial.