Noticias

A Deputación súmase á celebración do Día Mundial da Diabetes e iluminará o seu edificio de azul

Este ano a celebración quere concienciar á poboación sobre o impacto que a diabetes ten na familia e na rede de apoio das persoas afectadas


12 novembro 2018
Día Mundial da Diabetes

A Deputación de Pontevedra quere unirse neste 2018 á celebración do Día Mundial da Diabetes, que terá lugar este próximo mércores 14 de novembro. É por iso que o Pazo da Deputación se iluminará mañá martes 13 de novembro á noite para que permaneza de azul, cor desta enfermidade, durante toda a xornada da propia celebración.

Xunto a esta iluminación procederase tamén á lectura do manifesto, que este ano aposta por concienciar a poboación sobre o impacto que a diabetes ten na familia e na rede de apoio das persoas afectadas, así como promover o papel da xestión, coidado, prevención e educación na diabetes.

Baixo o lema "A diabetes concirne a cada familia", búscase dar a coñecer a todas as familias que se ven potencialmente afectadas pola diabetes e, polo tanto, o coñecemento dos signos, síntomas e factores de risco para todos os tipos de diabetes é vital para detectalo cedo. O diagnóstico e o tratamento temperáns son clave para previr as complicacións da diabetes e lograr resultados saudables.

Calcúlase que esta enfermidade, que afecta a 425 millóns de persoas en todo o mundo, sendo unha das de maior prevalencia no mundo, non está diagnosticada nun 50 % das ocasións. Esta situación provoca que ditas persoas non teñan acceso aos tratamentos adecuando, o que incide na súa calidade de vida, podendo causarlles incluso a morte por complicacións derivadas da diabetes. Ademais, menos de 1 de cada 4 membros da familia teñen acceso a programas de educación sobre a diabetes . Está demostrado que o apoio familiar no coidado da diabetes ten un efecto substancial na mellora dos resultados de saúde para as persoas con diabetes. Polo tanto, é importante que todas as persoas con diabetes e as súas familias teñan acceso á educación e o apoio continúo en materia de autocontrol da diabetes para reducir o impacto emocional da enfermidade que pode dar lugar a unha calidade de vida negativa.

Se ben a maioría dos casos que se detectan corresponden a diabetes de tipo 2, non hai que esquecer a diabetes tipo 1, con maior prevalencia en menores e adolescentes. É importante incidir na educación nutricional nas escolas para que entendan esta enfermidade e adquiran costumes alimenticios que preveñan o desenvolvemento desta enfermidade nun futuro; calcúlase que un 80 % dos casos de diabetes tipo 2 se poderían previr cuns hábitos de vida saudables.

Do mesmo xeito, e pese aos grandes avances realizados na investigación desta enfermidade nas últimas décadas, desde a Deputación quérese lembrar que non hai que esquecerse dela; a investigación fará da vida destas persoas, sobre todo aquelas insulino-dependentes, moito máis fácil, como no caso das bombas de insulina ou os sistemas de monitorización de glucosa, que evitan que moitas persoas pacientes teñan que recorrer a molestos picados que nalgúns casos superan a decena ao día.

O Día Mundial da Diabetes vense celebrando desde 1991, cando a Federación Internacional de Diabetes e a Organización Mundial da Saúde escolleron o 14 de novembro para lembrar o aniversario de Frederick Banting, quen, xunto con Charles Best, tivo a idea que lles conduciría ao descubrimento da insulina, en outubro de 1921. En decembro de 2006 a ONU aprobou unha resolución que incluía esta data no seu calendario de días oficiais da saúde, sumándose así á súa celebración a partir de 2007.