Noticias

A Deputación de Pontevedra soluciona o colo de botella na entrada á área recreativa da Carixa, en Vila de Cruces

O deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, anuncia a adxudicación da obra, valorada en preto de 100.000 euros, para mellorar a seguridade peonil na ponte sobre o río Orza


14 maio 2021
Area recreativa da Carixa

O estreitamento na entrada a área recreativa da Carixa, en Vila de Cruces, ten os días contados. A Deputación impulsa unha actuación de seguridade viaria, valorada en 97.710 euros, para corrixilo problema creado no ano 2010 cando se construíron unhas beirarrúas que "morren" no punto no que a estrada provincial EP-6410 Bodaño-Merza pasa sobre o río Orza na confluencia co Deza. A zona foi visitada hoxe polo deputado de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o alcalde de Vila de Cruces, Luis Taboada.

Gregorio Agís anunciou que a adxudicación provisional xa está acordada e, en poucos días, a Xunta de Goberno Provincial aprobará a adxudicación definitiva. O proxecto contempla a reforma dun tramo de 100 metros de lonxitude para gañar o ancho necesario nunha das beiras da ponte, fresado do bordo da estrada e construción dunha senda peonil do máximo ancho que sexa posible e acabada en formigón coloreado, tendo en conta as características do terreo. A perigosa curva da ponte pasará así a contar cun acceso peonil que rematará na propia praia fluvial.

Gregorio Agís explicou que o Decálogo que rexe todas as obras que a nova Deputación executa na rede viaria provincial prioriza a mobilidade peonil, a das persoas con discapacidade funcional e a das que circulan en bicicleta "e neste lugar atopábamos cun colo de botella a resultas dunhas obras executadas noutros tempos, con outros criterios, e que era preciso solucionar". O deputado explicou que, a día de hoxe, a Deputación xa non constrúe beirarrúas, senón sendas, pero, con todo, o principal problema era que as beirarrúas feitas no seu día rematan abruptamente e a estrada estréitase ao paso polo regato. O punto está dotado cunhas biondas pegadas á calzada e tampouco existe beiravía, así que as e os camiñantes vense obrigados a poñer en risco a súa seguridade para chegar á Carixa. "Todo iso vai quedar corrixido e proporcionaremos un itinerario continuo e seguro, tal e como nos pediu o Concello", concluíu o deputado.

O alcalde, Luís Taboada, destacou a importancia da obra para mellorar a seguridade nun espazo natural e recreativo que ten "moitísima xente no verán" e que dispón dun acceso reducido e con barreiras arquitectónicas para os peóns e peoas. "A Deputación está a despregar unha gran colaboración con Cruces e eu, como alcalde, síntome agradecido". "Vivimos nun paraíso, que é Galicia, e dentro dela hai paraísos como A Carixa e temos que coidalos".

A estrada EP-6410 Bodaño-Merza comunica tamén os núcleos da Moa, Reboreda, O Outeiro e a área recreativa da Carixa, onde hai unha zona de autocaravanas, parque infantil e unha praia fluvial moi popular. A estrada ten unha intensidade media diaria de 500 vehículos diarios, que se intensifica nesta zona ao chegar o verán e unha lonxitude total de 6,8 Km.

O Concello de Vila de Cruces leva recibido case 6,2 millóns de euros en investimentos da Deputación desde que no ano 2015 cambiou o Goberno provincial. Este ano correspóndenlle 662.979 euros no marco do Plan Concellos , que ten previsto dedicar moi maioritariamente á repavimentación de camiños municipais en Eirexe, Arnego, Fornelos, Amosa, Ollares e Cumeiro. O Servizo provincial de Infraestruturas leva investidos xa máis de 800.000 euros en melloras nas estradas provinciais ao paso por este Concello.

Fotos