Noticias

A Deputación revalida o seu apoio ao Camiño como "elemento fundamental de atracción de visitantes"

Carmela Silva presidiu a Mesa Provincial na que enxalzou o clima de colaboración e suma de sinerxías e rematou cunha mensaxe de optimismo: "imos converter a pandemia nunha oportunidade, apostando pola innovación, calidade e sustentabilidade"


29 novembro 2020
A Deputación revalida o seu apoio ao Camiño

"O camiño é un dos elementos máis relevantes de atracción e de posicionamento a nivel internacional da provincia de Pontevedra", destacou Carmela Silva na celebración da Mesa Provincial do Camiño na que participaron, nun clima de "enorme cordialidade, coordinación, suma de sinerxías e colaboración", a  directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro; os alcaldes e alcaldesas de Redondela, O Porriño, Silleda, A Estrada, A Guarda, Baiona, Portas, Dozón; as concelleiras e concelleiros de Pontevedra, Vigo, Lalín, Mos, Nigrán, Barro, Tui, Caldas e Valga; amais do presidente da Asociación de Amigos do Camiño Portugués Celestino Lores. "Foi unha reunión fundamental –destacou a presidenta da Deputación- onde se amosou ás claras o apoio das administracións e entidades por seguir apostando polos camiños, polo Ano Santo, como elemento fundamental de atracción de visitantes".

Carmela Silva quixo trasladar "unha mensaxe de optimismo e amosar a miña confianza en que concellos e sector debemos converter esta pandemia nunha oportunidade, apostando pola innovación, calidade e pola sustentabilidade, máis se cabe ante o horizonte que temos por diante nos vindeiros meses, no que máis importante que as cifras son os resultados". Neste eido a presidenta provincial, que aproveitou a ocasión para enxalzar "o esforzo do mundo local fronte á covid e implantar accións tendo en conta un marco de actuación diferente", resumiu as novas iniciativas que se van poñer en marcha e as liñas desenvolvidas en canto a infraestruturas, actividades e promoción e dinamización do Camiño.

En canto ás novidades, a Deputación participará nun proxecto europeo, que conta cun orzamento de 2,5 millóns de euros, encamiñado á creación dunha rede transfronteiriza dos Camiños do Oeste Peninsular e no que participan as Deputacións de Badaxoz, Cáceres, Huelva, Sevilla, Córdoba, Cádiz e Zamora, así como o INORDE, a Cámara Municipal de Barcelos, Turismo de Alentejo e a Xunta de Extremadura. No marco deste proxecto a institución pontevedresa vai organizar unha exposición itinerante, que percorrerá diferentes puntos da xeografía estatal e portuguesa e que irá acompañada de conferencias e dunha acción lúdica dirixida á poboación infantil.

A presidenta tamén anunciou que está xa contratado o Plan Estratéxico de Turismo 2021-2023, "onde o Camiño de Santiago vai ter un papel moi relevante". Ao respecto, Carmela Silva adiantou que se convocarán "a todas as entidades públicas e privadas implicadas para que presenten propostas e formulen as iniciativas que consideren neste marco". Amais, está en marcha outro Plan Estratéxico, neste caso de Fondos Europeos, para analizar a obtención de fondos procedentes de Europa para promocionar o Camiño de Santiago e dotar de recursos aos concellos polos que transcorre.

No que respecta ás actuacións desenvolvidas, Carmela Silva detallou as iniciativas de desbroce e seguridade viaria e peonil postas en marcha en vías provinciais polas que transcorre o Camiño de Santiago, "onde estamos a facer unha aposta moi importante non soamente para mantelas en moi boas condicións e garantir a seguridade, senón para humanizar moitas delas con proxectos moi ambiciosos". Igualmente fixo o mesmo coas actividades culturais desenvolvidas nos últimos meses e cos recursos destinados á mellora do Patrimonio, informando que se achegaron este ano máis de 400.000 euros para "que os concellos poidan ter os seus elementos patrimoniais en perfectas condicións, xa que son tamén elementos de atracción turística". Amais, recordou que estase a traballar co sector privado a través de proxectos como SmartPeme, "que está a dotar de ferramentas a moitos establecementos que se sitúan no Camiño para implantar as TIC. Silva tamén informou sobre as liñas de promoción realizadas, "tanto de carácter público como da man de diferentes entidades, que permitiron ter millóns de impactos no que respecta á promoción do camiño". Así a presidenta provincial recordou #21Days21Destinations, "As Rías Baixas te esperan", "Viaxa ao pasado" ou a campaña de promoción e comunicación do destino que vai continuar ata o 31 de decembro en medios online e offline.

Pola súa banda, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, centrouse en explicar algunhas das actuacións impulsadas a través do Plan Director da Xunta, do Plan de Conservación, do de Albergues, así como das accións desenvolvidas ao longo dos anos 2018, 2019 e 2020. A directora, que tamén puxo en valor o Camiño Eurovelo, unha aposta da Deputación de Pontevedra que foi tida en conta pola administración autonómica, informou que en novembro se presentará a reformulación do Xacobeo, na que farán copartícipes ao conxunto das administracións implicadas e na que se apostará por propostas culturais vencelladas a espazos abertos, máis locais e centradas no dixital ou en formatos híbridos.