Noticias

A Deputación revalida o seu apoio a Radio ECCA cunha achega de 10.000 € para as súas becas de alfabetización

O proxecto, que ten unha duración de nove meses, inclúe formación en alfabetización, dereitos humanos e igualdade, así como cinco horas de orientación laboral


07 outubro 2021
Visita a Radio ECCA

A Deputación de Pontevedra revalida a súa colaboración con Radio ECCA para o seu programa de becas de alfabetización co que estanse a formar 15 persoas. A deputada Ana Laura Iglesias e o deputado Santos Héctor veñen de visitar hoxe as instalacións da radio a quen a institución achega unha subvención de 10.000 euros para esta iniciativa que inclúe formación en alfabetización, dereitos humanos e igualdade, así como cinco horas de orientación laboral. As actividades desenvólvense aplicando unha metodoloxía semipresencial baseada na combinación de material didáctico impreso, clases gravadas e titorías que se desenvolverán nos locais e aulas de Radio ECCA en Vigo.

As Becas destínanse a aumentar a alfabetización cun proxecto que inclúe actividades de intervención destinadas a persoas emigrantes e/ou en risco de exclusión social que precisan dunha maior especificación técnica e interdisciplinaria. Así, entre os seus obxectivos salientan a integración desta poboación na sociedade fomentando a participación económica, social, cultural e política en condicións de igualdade; a inclusión social dos usuarios/as co incremento dos seus coñecementos e fortalecemento das súas redes sociais; proporcionar ferramentas de formación e ampliar e favorecer a empregabilidade do alumnado. A formación en alfabetización adáptase ás necesidades formativas de cada usuario no que á lectura, escritura e cálculo se refire; e os cursos "Dereitos Humanos: os nosos dereitos" e "Coa igualdade avánzase" son realizados por todos/as participantes. Amais, o alumnado pode realizar xunto co orientador/a o seu Plan Personalizado de Inserción con información dos recursos existentes para o acceso ao mercado laboral e á mellora de empregabilidade.

A súa metodoloxía está baseada no Sistema ECCA, que mestura material didáctico estruturado en esquemas incompletos que serven de guía de audición e de libro de estudo; clases gravadas por profesorado especialista de media hora de duración e titorías nas que solucionar dúbidas e afondar nos contidos traballados ao longo da semana. O proxecto, que comezou en abril deste ano e se estenderá ata decembro, divídese en cinco fases. A primeira consistiu na difusión do proxecto a través de diferentes medios de comunicación e visitas a lugares como asociacións de emigrantes ou comedores sociais; á que lle seguiu a selección dos usuarios/as. A continuación leváronse a cabo as sesións de orientación laboral individuais e, ata novembro, impartirase a formación. Finalmente, o proxecto conta cunha recollida de resultados, valoración, avaliación e memorias; e os/as estudantes que teñan realizado o curso con resultado de aproveitamento obterán os certificados correspondentes aos módulos formativos superados.

Radio ECCA naceu en Canarias en 1995, e constitúe a institución máis antiga de España para a educación a distancia regrada, con sedes e iniciativas nas catro provincias de Galicia. Na actualidade, esta asociación sen ánimo de lucro dedícase á formación de persoas adultas, especialmente ás que se atopan nunha situación máis desfavorecida e vulnerable. O curso pasado foron xestionadas en Radio ECCA máis de 40.000 matrículas, que ascenden a 26.500 persoas atendidas a nivel nacional, cun alumnado composto principalmente por menores, familias vulnerables, persoas novas, mulleres e emigrantes.