Noticias

A Deputación retoma este xoves día 3 en Pontevedra o espectáculo ‘X Xela' para festexar as Letras Galegas

Tras cancelar pola chuvia o pasado día 14, o exterior do Pazo provincial acollerá un acto multidisciplinar cun concerto da Banda da Loba, poesía e audiovisuais


31 maio 2021
Día das Letras Galegas

Tras cancelar pola chuvia imprevista o pasado 14 de maio, a praza da Ferrerería será este xoves día 3, ás 20:30 horas, o escenario do espectáculo X Xela. Trátase dun evento multidisciplinar organizado polo Departamento de Lingua co gallo das Letras Galegas dentro dunha programación que continuará todo o ano baixo o lema ‘365 días en galego'.

X Xela é un espectáculo multidisciplinar no que todo tratará en torno a obra da autora mesturando tres formatos (música, poesía e fotografía). "Será un show dinámico, atractivo e 100 % feminino para homenaxear a unha poeta tan singular", apunta a deputada María Ortega, que destaca que a asistencia é gratuíta, podendo reservar as prazas que quedaron libres tras o cambio de data a través do formulario existente en www.depo.gal.

A parte musical do evento correrá a cargo da Banda da Loba, unha formación galega que está a revolucionar a música galega coa mestura de música e literatura, que musicará poemas de Xela Arias desde formatos máis tenros ata o punk rock pasando polo country ou o bolero. A parte de fotografía tómase das imaxes de Xulio Gil, viúvo da homenaxeada e Premio da Crítica Galega con máis de corenta anos de traxectoria.

A parte poética de X Xela, comisariada por Tamara Andrés, contará con catro poetas que representan, comparten a forza e a linguaxe poética da homenaxeada: "Helena Salgueiro, que ten a poesía incrustada no corpo; Estíbaliz Espinosa, unha poeta cos pés na terra, a ollada no ceo e a lingua e o corazón cheos de curiosidade; e Nuria Vil e Vanessa Glemsel, que teñen o proxecto Dúas gamberras e un micro, que son rebeldes e denunciadoras de desequilibrios e lanzan frases coma frechas. O espírito de Xela estará moi presente", destaca a comisaria.


Novas relacionadas