Noticias

A Deputación retoma a formación SICTED para que as empresas turísticas da provincia consigan ou revaliden o certificado

A institución provincial ofrece desde este martes unha nova opción para as empresas que non puideron participar no primeiro calendario da formación


04 outubro 2021

A Deputación de Pontevedra formou, no que vai de ano, a preto de dous centenares de empresas para que puideran conseguir ou revalidar o certificado do Sistema Integral de Calidade Turística SICTED, no que Rías Baixas é líder entre os destinos de todo o estado con case 300 establecementos. Despois das restricións derivadas da pandemia, que impediron que algunhas empresas puidesen realizar a formación, a institución volve agora a ofrecer o cursado que realizarase desde este martes 5 ata o 14 de outubro.

A formación SICTED consta dun conxunto de módulos formativos de dúas horas, que cada empresa poderá realizar ao longo da semana e cuxas temáticas versan sobre atención ao cliente, márketing e xestión de negocio. De forma adicional, a Deputación ofrécelle aos establecementos adheridos ao Plan de calidade turística a posibilidade de participar na formación de SmartPeme, que os próximos días ten programados obradoiros sobre márketing sostible, sustentabilidade en establecementos turísticos, fotografía e vídeo para espazos interiores e Google Data Studio; cuxa inscrición xa está dispoñible no sitio web de SmartPeme.

No Plan de calidade turística poden participar todas as empresas situadas nos concellos pertencentes ao destino SICTED "Provincia de Pontevedra Rías Baixas": A Guarda, A Illa de Arousa, A Lama, Barro, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Campolameiro, Cangas, Catoira, Cerdedo-Cotobade, Cuntis, Fornelos de Montes, Gondomar, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Moraña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, O Rosal, Oia, Pazos de Borbén, Poio, Pontecaldelas, Pontecesures, Pontevedra, Portas, Redondela, Ribadumia, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.

A principal finalidade do Plan de calidade turística é contribuír a mellorar a experiencia das persoas visitantes a través da implantación de prácticas empresariais coas que acadar un nivel de calidade homoxéneo dentro do destino. En liñas xerais a metodoloxía SICTED abrangue tanto os servizos ofrecidos polos compoñentes da oferta turística (hoteis, restaurantes, axencias de viaxes, etc.) como aqueles que, sen selo estritamente, contribúen á formación da experiencia turística do destino. A través do distintivo SICTED acredítase, polo tanto, o esforzo realizado polas empresas/servizos participantes en relación ao compromiso coa calidade e a mellora continua, á vez que as/os distingue fronte á competencia.