Noticias

A Deputación responde á "demanda histórica" de Cangas cun gran proxecto de transformación da estrada O Viso-O Hío, valorado nun millón de euros

Carmela Silva: "Vai ser unha infraestrutura extraordinaria. Todas as obras que se fan en Cangas levan o selo da Deputación, que nunca investiu tanto nesta vila"


25 marzo 2021
Visita Cangas

A Deputación e o Concello de Cangas presentaron esta tarde, nun acto desenvolvido na casa do concello, o esperadísimo proxecto integral para transformar a estrada provincial O Viso-O Hío nun espazo prioritario para as persoas en equilibrio coa circulación rodada. A actuación foi explicada pola presidenta Carmela Silva, xunto coa alcaldesa, Victoria Portas, o deputado de infraestruturas, Gregorio Agís, e concelleiras e concelleiros do Goberno local. As obras, valoradas en máis dun millón de euros, serán sufragadas cun convenio no que a Deputación achegará directamente un 80 % do importe (828.000 euros) e o Concello financiará o 20 % restante (207.000 euros). Trátase dunha actuación histórica para Cangas, que dá resposta a unha longa demanda social e institucional para adecuar unha estrada que en verán sofre unha forte presión circulatoria ao estar na ruta de acceso a varias das principais praias do Morrazo. O convenio xa está asinado e o proxecto redactado polo que sairá a licitación de forma inminente.

Carmela Silva comezou a súa intervención cun recordo emocionado ao falecido alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos, e un saúdo á nova alcaldesa, Victoria Portas, e a todo o Goberno de Cangas, ao que felicitou expresamente por ter acadado a cesión dos terreos, "o que deu moitísimo traballo". A presidenta quixo tamén "facer memoria" destacando que o Partido Popular gobernou a Deputación durante 40 anos e o último presidente estivo 12 anos, "mentres que nós levamos 5 anos e nunca se investiu tanto en Cangas". "E xa anuncio que haberá máis convenios", engadiu. Carmela Silva lembrou que o anterior presidente provincial asinou un convenio un mes antes das eleccións municipais de 2015, "por aquelo de ver se iso producía algún resultado electoral", pero sen elaborar antes un proxecto nin iniciar o procedemento para a obtención dos terreos. "Papel mollado", subliñou, "tivemos que empezar de cero para facer todo o que non fixera o PP coa aquela manobra política de última hora". Aínda así destacou que agora a obra poderá realizarse baixo os parámetros cos que actúa a Deputación, "que ten o modelo de infraestruturas máis avanzado do Estado". En referencia ao Partido Popular continuou que está moi ben que reclame máis obras, "pero nós non podemos facer en cinco anos o que eles non fixeron en 40, cando temos 1.700 km de rede de estradas provinciais que atender". Con todo remarcou que "Cangas é un dos pobos máis importantes da provincia de Pontevedra e ten un enorme potencial, polo que haberá actuacións en todas as vías, sabendo que todas as obras que se fan en Cangas teñen o nome da Deputación e o apelido do Concello".

A alcaldesa, Victoria Portas, agradeceu a visita de Carmela Silva, "unha persoa con moito carisma e moi libre cando fala, polo que a sigo moito", e expresou a súa satisfacción porque se conseguise que o proxecto O Viso-O Hío sexa unha realidade. Nese sentido, quixo agradecer "o importante esforzo" que fixeron as veciñas e veciños da zona coa cesión de terreos, "tendo en conta que como galegas e galegos temos un grande apego á terra". A alcaldesa e a presidenta percorreron despois a vía sobre a que se vai actuar e Carmela Silva deixou claro que "será unha infraestrutura extraordinaria, do século XXI, da que a xente quedará encantada". 

O proxecto O Viso-O Hío

O proxecto, presentado polo enxeñeiro xefe, Francisco Alonso, e o enxeñeiro José Domínguez abrangue a totalidade do trazado da EP-1005, cunha lonxitude dun quilómetro. A partir da mellora da intersección coa estrada autonómica, o proxecto deseña unha senda peonil continua e crea dúas plataformas únicas de convivencia con prioridade peonil, novo firme e sinalización, sistemas de calmado de tráfico con pasos de peóns sobreelevados e redutores de velocidade e, finalmente, unha iluminación eficiente a través da instalación de 43 farois led.

A nova senda discorrerá pola marxe dereita, cun ancho mínimo de 2,5 metros. As zonas sobreelevadas, con velocidade reducida a 30 km/h, sitúanse nos dous estreitamentos da estrada e totalizarán 65 metros e 180 metros de lonxitude, respectivamente. Ademais, amplíase a plataforma de toda a vía, aproveitando as cesións de terreos, para dar cabida á nova senda e renovar por completo a sinalización horizontal e vertical. Finalmente, prevese a construción de novas cunetas de borde e novas redes de drenaxe das augas pluviais e de servizos coma a electricidade, telecomunicacións e abastecemento.  Deste xeito, a "nova estrada provincial" seguirá o modelo de mobilidade segura que a Deputación está a implantar na rede provincial de estradas, dándolles prioridade ás persoas que camiñan ou con mobilidade reducida; en segundo lugar, ás que circulan en bicicleta; e, a continuación, aos vehículos de transporte público e aos de transporte privado. O obxectivo é transformar as vías de comunicación en espazos seguros, equitativos e que fomenten a mobilidade universal.

A presidenta da Deputación agradeceu o "enorme traballo do Concello de Cangas e as súas intensas xestións sobre o terreo, dialogando individualmente con todas as persoas propietarias afectadas, logrando con iso a posta a disposición da totalidade das 42 parcelas afectadas (case 2.000 metros cadrados), e facendo así posible a execución destas obras e o consenso social.

A Deputación leva investidos en Cangas preto de 11,5 millóns de euros desde 2015, cando Carmela Silva acadou a Presidencia da institución.  Boa parte das achegas corresponden ao Plan Concellos, que xa financiou máis dunha trintena de obras. O departamento de Infraestruturas leva investidos máis de 1,7 millóns de euros e acometeu obras na estrada Cangas-Coiro-Magdalena, Vilariño-O Hío, O Hío-Vilanova de Arousa e no acceso á praia de Nerga. Así mesmo, co Plan Móvese financiouse a instalación de cinco pasos de peóns sobreelevados e 23 redutores de velocidade.

Fotos