Noticias

A Deputación resolve as axudas para sinalización do patrimonio histórico e cultural

Esta liña, destinada aos concellos de menos de 50.000 habitantes, destina máis de 155.000 euros para mellorar a información e accesibilidade dos seus bens patrimoniais


27 oct 2016

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra contempla na súa orde do día de mañá a aprobación das axudas para sinalización do patrimonio histórico e cultural dos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. A través destas axudas, o ente provincial fai un investimento de 155.770, 82 euros que destina a un total de 40 concellos solicitantes.

Esta convocatoria concibírase co obxecto de promover un apoio económico para que os concellos puidesen asumir o gasto derivado da sinalización dos seus recursos patrimoniais e bens de interese cultural, así como dos elementos relacionados coa memoria histórica, no que se inclúe a colocación de novos sinais ou a substitución dos obsoletos ou deteriorados. Desde o departamento de Cultura e Lingua considérase que a promoción e a información, así como a accesibilidade aos bens culturais das localidades, son básicas en calquera política turística e cultural, promovendo que a cidadanía, tanto veciñanza como visitantes, poida acceder aos bens patrimoniais da provincia coa maior facilidade posible.

A liña de axudas contempla a instalación de paneis informativos no patrimonio histórico e cultural dos bens inmobles de interese municipal, os conxuntos urbanos, os xacementos e zonas arqueolóxicas, así como os sitios naturais, xardíns e parques que teñan un recoñecido valor arquitectónico, histórico e/ou antropolóxico, artístico e/ou etnográfico, dentro do ámbito territorial da provincia de Pontevedra. Inclúe tamén a instalación de paneis informativos naqueles puntos que se consideren oportunos, co plano de situación e/ou información detallada dos bens culturais de cada concello solicitante. Por último, tamén permite a instalación dos sinais que, en cumprimento da Lei da memoria histórica, sexan precisos nos núcleos urbanos dos concellos da provincia de Pontevedra.

Por comarcas, en Deza e Tabeirós presentaron solicitudes os concellos de Lalín, Silleda, Forcarei e A Estrada por un importe total de 27.387,58 euros. Na comarca Caldas presentaron solicitudes Pontecesures, Valga, Catoira, Cuntis, Caldas e Portas, que suman un total de 13.547,16 euros. No Morrazo presentaron solicitudes os catro concellos -Marín, Bueu, Moaña e Cangas-, que suman 17.948,69 euros. No Salnés as solicitudes foron presentadas por Meis e O Grove, para os que se resolveu un total de 18.343,1 euros. No Condado-Paradanta, os concellos solicitantes foron Covelo, Arbo, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas e As Neves, e o investimento ascende a 19.192,14 euros. No Baixo Miño solicitaron todos os concellos -Tui, Tomiño, A Guarda, Oia e O Rosal, e o investimento ascende a 18.073,11 euros. Na comarca de Vigo solicitaron Pazos de Borbén, Redondela, Mos, Nigrán, O Porriño, Salceda e Baiona, por un importe total de 29.210 euros. E na comarca de Pontevedra as solicitudes corresponden a Vilaboa, Ponte Caldelas, Cotobade, Barro e Campo Lameiro, cun investimento total de 12.068, 11 euros.

Relación dos elementos e bens que serán sinalizados en cada concello segundo consta nas solicitudes